A Xunta inviste máis de 2 millóns en completar o proceso de transformación dixital nas lonxas galegas
mércores, 6 de maio do 2026
A Xunta de Galicia materializou este mércores 6 de maio un importante paso adiante na transformación tecnolóxica do sector marítimo-pesqueiro galego investindo máis de 2 millóns de euros ata 2028 para seguir avanzando na transformación dixital das lonxas galegas. En concreto, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e a conselleira do Mar, Marta Villaverde, asinaron na Lonxa de Tragove, en Cambados, un acordo de colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA, dependente de Facenda) e a Consellería do Mar para o financiamento sustentable e o desenvolvemento evolutivo do proxecto Lonxas Galegas 4.0.
Durante o acto, a titular de Mar destacou que este acordo enmárcase no obxectivo do Goberno galego para que nesa data "o 100 % dos nosos establecementos de primeira venda operen cos estándares tecnolóxicos máis avanzados de Europa". Villaverde incidiu en que esta modernización tradúcese en “menos burocracia e máis facilidades para os profesionais” e engadiu que “as TIC facilitan o día a día ao dixitalizar desde a pesada ata a facturación ou a contabilidade das confrarías” e que “a tecnoloxía abre novas oportunidades de negocio, permitindo a un comprador revisar os lotes e participar nas poxas en tempo real desde o seu teléfono móbil, sen necesidade de estar fisicamente na lonxa, o que abre as portas a máis compradores e mellora a rendibilidade do produto”.
A conselleira tamén subliñou o compromiso co consumidor e a seguridade alimentaria: “A tecnoloxía que hoxe consolidamos garante unha rastrexabilidade total: controlamos o produto de xeito rigoroso desde o mesmo minuto no que se descarga ata que chega á mesa; e así, cando alguén merca un produto do mar de Galicia, ten a máxima garantía de calidade e orixe”.
Pola súa banda, o conselleiro de Facenda e Administración Pública lembrou que o proxecto Lonxas 4.0 beneficiou xa a 53 lonxas e 68 confrarías, modernizando todo o proceso de comercialización e poxa. “Estamos diante dun exemplo claro de como a tecnoloxía pode transformar un sector clave para a nosa Comunidade”, dixo, lembrando que estas actuacións permitiron “mellorar a conectividade das lonxas ao ampliar a capacidade de comunicación mediante a súa conexión á Rede Corporativa de Comunicacións da Xunta, modernizar o equipamento informático asociado e reforzar a seguridade e fiabilidade”.
Logo de lembrar que a iniciativa contou con achegas do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura, así como do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), Miguel Corgos concluíu subliñando que a Xunta “está a traballar para incorporar novas funcionalidades como un portal que difunda en tempo real os produtos e prezos que se van a poxar, a posibilidade de incorporar imaxe en tempo real para aqueles que non asistan presencialmente ou facilitar solucións que permitan agrupar nunha lonxa virtual a venda de produtos de distintas lonxas”.
