A Xunta inxecta case 21 millóns nas tres universidades galegas para reforzar a I+D+i
xoves, 6 de novembro do 2025
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, asinou tres convenios de colaboración cos reitores da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López; da Universidade de Vigo (UVigo), Manuel Reigosa, e da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao, para reforzar a súa actividade investigadora en materia de I+D+i. Cunha inxección orzamentaria de 20,7 millóns de euros para este ano 2025 e para 2026, a Xunta eleva a preto de 80 millóns as achegas realizadas desde o ano 2019 ás universidades neste eido.
Acompañado polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, Román Rodríguez afirmou que “este novo apoio se incrementa nun 10% máis con respecto ao bienio anterior (2023-2024)”. Concretamente, a USC contará cunha achega de 9,3 millóns, a UVigo disporá de 5,6 millóns e a UDC recibirá 5,8 millóns.
“Esta liña de axudas”, sinalou, “está dirixida sobre todo ao fortalecemento das infraestruturas científicas e equipamento tecnolóxico, de tal xeito que as universidades poidan intensificar a actividade investigadora e aumentar a produtividade científica mediante a diversificación na chegada de recursos”.
Entre outros conceptos, inclúen o financiamento basal dos centros de excelencia da Rede CIGUS (os centros de investigación universitarios máis excelentes), así como a captación e retención de talento investigador. Finánciase, igualmente, o impulso e divulgación científica, estratexias para promover as titulacións duais e accións para a especialización dos campus, así como as obras, o acondicionamento de laboratorios e adquisición de equipamento tecnolóxico de alta especialización.
Adquisición de material na USC
No caso da Universidade de Santiago de Compostela, marca como áreas prioritarias do convenio a actualización de infraestruturas científicas, as estruturas de investigación e captación de talento, as accións transversais de I+D+i, as iniciativas en materia de mestrados e graos, as obras singulares e as accións de divulgación.
Con eses 9,3M€, poderán realizar a instalación de acuarios para a experimentación con peixe-cebra no Centro de Medicina e Veterinaria (CEVIOBET) no Campus Lugo ou a adquisición de equipamento como un expectómetro de masas, un microscopio electrónico ou un irradiador preclínico de pequenos animais para estudos de radioterapia innovadora, entre outros. Tamén incorporarán persoal investigador consolidado en convocatorias como Ramón y Cajal ou Beatriz Galindo, participarán en convocatorias de transferencia de coñecemento e reforzarán as infraestruturas dos campus de especialización e dos centros da Rede CIGUS.
Igualmente cómpre salientar a segunda fase da reforma do Observatorio Astronómico Ramón María Aller e o acondicionamento de espazos de investigación do Campus de Santiago ou da Facultade de Veterinaria en Lugo.
A UVigo impulsará a investigación mariña
A Universidade de Vigo, que dispón de 5,6M€, centra as áreas obxecto do convenio na captación do talento, os centros, as estruturas de investigación, as obras singulares e outras accións con foco específico na I+D+i e na calidade da docencia. Neste último aspecto, destacan accións para mellorar os mestrados que contan co selo de excelencia e a innovación docente coa posta en marcha de espazos virtuais de experimentación.
Entre os aspectos máis destacados atópase o apoio a investigadores con diferentes liñas, a adquisición de equipamento como unha ecosonda para o rexistro de fondos mariños e columnas de auga para o Centro de Investigación Mariña (CIM), a mellora dos laboratorios do Centro de Investigación de Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) ou os do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicacións (atlanTTic). Tamén se realizarán obras singulares de apoio á investigación como o equipamento do módulo do CINBIO, o acceso ao mesocosmos en terra da estación ECIMAT, a mellora das salas isotérmicas do CIM ou a mellora do laboratorio cuántico do Vigo Quantum Communication Center.
Contémplanse, así mesmo, accións de apoio aos campus de especialización, como a promoción e diferenciación do Campus Crea de Pontevedra coa posta en marcha das Olimpíadas CREA dirixidas a alumnado de Bacharelato, entre outros. No Campus Tecnolóxico de Vigo sublíñase a mellora de equipamento informático e o apoio á súa participación en competicións internacionais. Outro apartado é o apoio á creación de novas estruturas coma os institutos de Agroecoloxía e alimentación, de Lingua, de Xustiza e xénero, de Física e ciencias aeroespaciais e do Deporte.
Captación e retención de talento na UDC
A UDC sitúa como actuacións preferentes as enmarcadas no reforzo, integración e consolidación das estruturas centralizadas de I+D+i, na especialización dos centros de investigación, na innovación educativa e a dixitalización e na proxección institucional.
Entre o máis destacado, a UDC repartirá os 5,8M€ no apoio ás oficinas técnicas e de xestión en materia de innovación e investigación para impulsar o talento, reforzarase a actividade investigadora coa mellora dos laboratorios do Centro Interdiciplinar de Química e Bioloxía (CICA), o incremento das capacidades de refrixeración do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CITIC) ou a busca de alianzas estratéxicas para o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), entre outros aspectos.
No que atinxe á innovación educativa e dixitalización, a UDC impulsará o programa Sigma Academic como unha solución integral para a xestión académica enfocada á modernización e optimización dos procesos universitarios, e reforzará os seus seis mestrados de excelencia cos que conta, amais de promover a adecuación técnica e a acreditación de calidade de laboratorios, unidades e centros de investigación.
