A Xunta lanzará unha app de autoavaliación de competencias profesionais

venres, 22 de novembro do 2024 S. P.

A Xunta desenvolverá en 2025 novas accións que contarán cun investimento de 1 millón de euros para potenciar a ferramenta EMi, que está dispoñíbel nas 54 oficinas de emprego de Galicia e casa oferta e demanda laboral co apoio da IA. Unha desas accións será a aplicación móbil que permitirá á cidadanía realizar autoperfilados das súas competencias profesionais.
Estará destinada sobre todo a colectivos prioritarios como a mocidade, para que poidan autoavaliarse a través do móbil e acceder deste xeito a todo o potencial do Servizo Público de Emprego co fin de mellorar as súas oportunidades no mercado de traballo.
Estes detalles foron achegados dende Madrid, na presentación do software EMi, polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, e polo director da Casa de Galicia en Madrid.
O conselleiro lembrou que con esta ferramenta Galicia prevé realizar o perfilado competencial de máis de 70.000 persoas nun ano co obxectivo de cubrir de xeito máis eficaz a demanda de man de obra e atender as persoas que están buscando activamente traballo ou que busquen mellorar o actual. A isto engadiu que este labor “avanza a bo ritmo con arredor de 20.000 perfilados ata o momento”.
González trasladou a vontade total de Galicia para “difundir este traballo co ánimo de ser útiles e de que sirva de exemplo e axuda para poder aplicarse noutras comunidades autónomas como realizou nas reunións celebradas en xullo e outubro co Goberno central e con responsábeis de formación para o emprego de distintas comunidades autónomas, respectivamente”. Deste xeito, subliñou, “búscase atender o reto da cobertura de vacantes, favorecer a competitividade empresarial e xerar emprego de calidade”.
O titular de Emprego salientou o recoñecemento a Galicia polo desenvolvemento de EMi no marco dos Premios aos mellores casos do Observatorio de Vixilancia Tecnolóxica do Sector Público da Comisión Europea, un galardón que a Xunta recollerá o vindeiro xoves en Bruxelas.