A Xunta leva a Barcelona o modelo pioneiro de EdugalIA

mércores, 4 de febreiro do 2026 S. P.

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, presentou este mércores 4 de febreiro, no Congreso EdTech, que se celebra en Barcelona, o proxecto EdugalIA da Xunta de Galicia, iniciativa destinada á modernización da xestión educativa que “permitirá xerar, por primeira vez, un expediente integrado de cada alumno e alumna e reducir a burocracia no ensino, alixeirando as tarefas administrativas para que ese tempo poida reinvestirse en labores puramente educativos”, sinalou.
No marco da mesa redonda Desburocratización das tarefas docentes mediante a tecnoloxía e a intelixencia artificial, situando o alumnado e o profesorado no centro, a representante da Consellería explicou que EdugalIA supón “un cambio de modelo na forma de deseñar, xestionar e avaliar as políticas públicas educativas, ao incorporar a intelixencia artificial como ferramenta de apoio á toma de decisións, con especial incidencia na prevención do abandono escolar”. A dixitalización destes procedementos, dixo, “permitirá aforrar tempo e eliminar pasos intermedios, ao tempo que incrementa a seguridade na tramitación e facilita o rexistro da información”.
Tamén lembrou que o Plan para a simplificación das tarefas burocráticas, aprobado o pasado mes de xullo, é unha das medidas recollidas no acordo de mellora educativa asinado coas organizacións sindicais. En concreto, responde ao compromiso de mellorar as condicións de traballo do profesorado, dado que a redución da carga administrativa é unha demanda que a Consellería leva tempo identificando no ámbito educativo.
O Congreso EdTech reúne líderes educativos e referentes no ámbito da tecnoloxía para analizar como transformar a aprendizaxe e reimaxinar a educación e a formación na era da intelixencia artificial. O encontro, que se desenvolve ao longo de dous días, ten como obxectivo fomentar a colaboración entre o sector privado, as institucións educativas e as administracións públicas para explorar tendencias, xerar oportunidades de colaboración e avanzar cara á educación do futuro.