A Xunta licita o proxecto para dixitalizar o Laboratorio de Saúde Púbica

venres, 19 de agosto do 2022 S. P.

A Xunta vén de licitar un contrato para o subministro, instalación e posta en marcha dun software de xestión de laboratorio (LIMS) para a Dirección Xeral de Saúde Pública. A iniciativa foi dada a coñecer previamente á licitación polo conselleiro de Sanidade, durante unha visita ao Laboratorio de Saúde Pública, situado en Lugo, sinalando que os investimentos irían destinados a renovar e modernizar o equipamento deste centro. En palabras de García Comesaña, trátase “do maior investimento nun só exercicio dende a posta en marcha do Laboratorio” co que se terían investido nel “preto de 4 millóns de euros dende 2015”.
O Laboratorio de Saúde Pública é a unidade provedora das determinacións analíticas derivadas dos programas de vixilancia e control oficial que realiza a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade no ámbito da protección da saúde, tanto no caso da seguridade alimentaria como da sanidade ambiental.
Para a contratación do software prevese un orzamento base de licitación que supera os 400.000 euros. Financiado ao 100 % no marco do eixo React-UE do programa operativo FEDER Galicia (2014-2020).
Segundo engadiu o conselleiro, esta contratación “pon de manifesto a aposta da Xunta pola saúde pública, en primeiro lugar, coa automatización dos procesos relacionados coa vixilancia epidemiolóxica, os programas de cribado e a xestión das vacinas; e en segundo lugar promovendo accións arredor da Escola Galega de Saúde Pública a prol da promoción da formación interna e externa, e arredor da investigación e innovación en saúde pública”.
Outra das liñas, diríxese á dixitalización neste ámbito. Mostra diso, dixo, “é o proxecto do Observatorio de Saúde Pública para Galicia, a plataforma de contidos sobre hábitos de vida saudables, ou o software de xestión de laboratorio (LIMS) para a Dirección Xeral de Saúde Pública”.