A Xunta licita por 55.000 euros un videoxogo escolar con contidos sobre soporte vital básico
martes, 15 de abril do 2025
O Portal de Contratos Públicos de Galicia publicou, a través da Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS), a licitación do deseño e desenvolvemento dun videoxogo con contidos sobre soporte vital básico, adaptados á poboación escolar. O importe da licitación ascende a 54.934 euros e as empresas interesadas teñen ata o 28 de abril para presentar as súas ofertas.
Este contrato ten por obxecto específico “crear un videoxogo interactivo e atractivo que ensine aos nenos e nenas conceptos e técnicas esenciais de soporte vital básico, incluíndo reanimación cardiopulmonar, manexo de emerxencias e primeiros auxilios”.
O videoxogo deberá ser compatíbel con dispositivos móbiles e tabletas que utilicen sistemas operativos Android e iOS, coa posibilidade de adaptarse nun futuro para dispositivos de Realidade Virtual. Amais, especifícase que o contido, a narrativa e a dificultade do xogo deben estar deseñados para ser accesíbeis e comprensíbeis para nenos e nenas de diferentes idades. A maiores, todo o contido relacionado co soporte vital debe ser validado por expertos na materia, asegurando a súa precisión e eficacia pedagóxica.
O adxudicatario deberá ter “un mínimo de seis anos de experiencia no deseño e desenvolvemento de videoxogos ou proxectos de Realidade Virtual, cun enfoque preferente en xogos educativos e/ou de saúde”.
Por outra banda, o videoxogo terá que “integrar diversas funcionalidades que aseguren unha experiencia de aprendizaxe efectiva, atractiva e adecuada para a audiencia infantil, contando cunha historia central que guíe aos xogadores a través de diferentes escenarios relacionados con emerxencias médicas e soporte vital”.
A realización deste videoxogo enmárcase na concesión ao FIDIS dunha subvención, por parte do Instituto de Saúde Carlos III, destinada a proxectos de I+D+I en saúde, para a realización do proxecto de investigación denominado Formación dos escolares en soporte vital: deseño e avaliación de novas estratexias docentes e metodolóxicas innovadoras e interactivas adaptadas á poboación infanto-xuvenil, do que é investigador principal Santiago Martínez Isasi, formando parte do Grupo de Investigación en Simulación, Soporte Vital e Coidados Intensivos (SICRUS).
Entre os traballos que se realizarán co mencionado proxecto atópase o deseño e desenvolvemento deste videoxogo con contidos relativo ao soporte vital e adaptados á poboación diana escolar.