A Xunta mellora a accesibilidade á información de Galiciana

luns, 12 de xaneiro do 2026 Redacción

A Xunta de Galicia avanza na dixitalización e posta en valor do patrimonio cultural galego coa incorporación de novas ferramentas en Galiciana Patrimonio Dixital de Galicia, a plataforma pública destinada a facilitar o acceso á documentación cultural, bibliográfica e arquivística da comunidade. A iniciativa foi presentada hoxe no Consello da Xunta, no que se avaliou o informe Memoria dixital de Galicia. Galiciana Semántica.
Tal e como se desprende do documento, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude colabora coa AMTEGA na creación de dous novos espazos temáticos de difusión, concibidos para mellorar a accesibilidade á información e ofrecer contidos organizados arredor de grandes bloques documentais. Estes espazos permitirán consultar máis de 800 cabeceiras de prensa histórica e máis de 40.000 documentos vinculados con episodios clave da historia contemporánea.
O primeiro dos ámbitos reforza a hemeroteca de Galiciana, que pasa a configurarse como un espazo de consulta máis dinámico e interconectado. Nel poderá accederse a máis de 800 cabeceiras publicadas desde o ano 1800 ata a actualidade, cun conxunto de fondos que suma preto de dous millóns e medio de imaxes, moitas delas con busca por texto completo.
O segundo espazo artéllase arredor dun micrositio aloxado no Arquivo Dixital de Galicia e facilita o acceso a documentación relacionada con episodios históricos como o Golpe de Estado, a Guerra Civil, a ditadura franquista ou o proceso cara á democracia e a Constitución española. En total, inclúense 42.106 documentos que reúnen máis de 1,6 millóns de imaxes, co obxectivo de promover o coñecemento histórico, facilitar a consulta cidadá e contribuír á preservación do patrimonio documental.
Estas melloras complétanse coa incorporación dun grafo de coñecemento, un modelo de representación da información que permitirá realizar consultas máis expresivas e próximas á linguaxe natural. Esta ferramenta, integrada no motor de busca, está orientada a mellorar a experiencia de navegación mediante a conexión e organización dos distintos elementos dispoñibles na plataforma.
O conxunto destas actuacións inscríbese na iniciativa Memoria dixital de Galicia, impulsada polo Goberno galego no ano 2016 para garantir un acceso fácil e universal ao patrimonio cultural. A súa evolución senta as bases dunha xestión máis accesible e interrogable da información, abrindo novas oportunidades para a investigación, a educación e o aproveitamento social do patrimonio cultural galego.