A Xunta mellorará a oferta analóxica e dixital das bibliotecas e axencias de cultura de 183 concellos
venres, 3 de xullo do 2026
A Xunta, a través da Consellería de Cultura e Lingua, anunciou que colabora con 183 concellos para mellorar a oferta das súas bibliotecas e axencias de lectura a través da adquisición de novidades editoriais en galego e a actualización das súas coleccións bibliográficas. Trátase dunha iniciativa dotada con 424.000 euros.
En concreto, a Consellería de Cultura achegará 138.000 euros para equipar estes espazos con novidades editoriais en formato físico, fomentando a edición de libros publicados en galego, así como a promoción da lectura. Deste xeito, cada concello poderá seleccionar os títulos incluídos na plataforma electrónica NEDITO, na que incorporan as súas novidades todas as editoriais que publican en galego, que tamén serán as encargadas da distribución directa de cada libro solicitado desde a editora a cada entidade.
Por outra banda, a liña de axudas céntrase na mellora das coleccións bibliográficas, para o que se designan 286.000 euros este ano. O obxectivo, neste senso, é que se actualicen estas publicacións, de xeito se poidan mercar monografías (tanto libro infantil como libro dirixido ás persoas adultas), material sonoro (CD e vinilo), videogravacións (DVD, Blu-Ray), recursos electrónicos (CD-ROM, DVD-ROM ou calquera outro formato para videoxogos), partituras e material cartográfico (mapas e planos). Estes materiais deberán estar dirixidos ao mantemento ou á renovación da colección e terán por obxectivo o préstamo a domicilio ou a consulta dentro das instalacións da propia biblioteca.
Podemos consultar no DOG a listaxe de concellos beneficiados.
