A Xunta mobilizará un millón de euros para que as PEME fagan uso do comercio electrónico para exportar

luns, 30 de outubro do 2017 Redacción

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde visitou hoxe á compañía de Mesía Cerámica Verea co gallo do seu 50º aniversario, avanzando un novo programa de internacionalización dixital dotado cun millón de euros para que as PEME galegas comecen a utilizar as plataformas de comercio electrónico como inicio da súa estratexia de exportación.
O conselleiro apuntou que o feito de que as exportacións galegas estean en cifras récord e medrasen un 8,4% no que vai de ano é mostra do esforzo que están a facer compañías como Cerámica Verea e a industria galega no seu conxunto por ser máis competitiva no exterior. Conde sinalou que o obxectivo da Xunta é consolidar, e mesmo redobrar, ese récord exportador que xa se leva conquistado durante catro anos consecutivos, con programas como o que hoxe anunciou, e outras como unha nova edición do programa Galicia Exporta e das axudas á contratación de xestores de internacionalización, o plan FOEXGA ou as bolsas de promoción exterior.
O responsable da Consellería de Economía, Emprego e Industria apuntou que a Xunta traballa para axudar a que as empresas, igual que o fixo Cerámica Verea, incorporen a innovación ao seu día a día, mobilizando máis de 900 millóns de euros en proxectos innovadores a través da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), con programas como as Unidades Mixtas de Investigación ou o mapa de aceleradoras de emprendemento, aos que se lles dará continuidade o vindeiro ano.
Ademais de impulsar a Industria 4.0, Conde fixo fincapé en que tamén se busca poñer ao alcance das empresas recursos financeiros, con programas como o dos novos instrumentos financeiros innovadores (IFI), cos que se prevé mobilizar 60 millóns de euros.

PUBLICIDADE