A Xunta porá en marcha unha rede dixital de vixilancia forestal

venres, 17 de novembro do 2017 Redacción

Tras a celebración do Consello da Xunta de hoxe, o presidente anunciou en rolda de prensa a posta en marcha dunha rede dixital de vixilancia forestal para apoiar os sistemas de prevención, detección e seguimento dos lumes de xeito que os novos focos poidan detectarse coa máxima rapidez posible, sistema que contou co experiencias piloto nos últimos anos e que basearase na instalación de cámaras de videovixilancia dun xeito proporcional á actividade incendiaria de cada lugar.
Esta rede despregarase nas infraestruturas das que dispón o operador público de telecomunicacións, Retegal. Nunha primeira fase, instalaranse cámaras en 34 centros de Retegal, que facilitarán cobertura visual de 1,4 millóns de hectáreas, que representan o 48% do territorio galego.
«A xestión da rede dixital de vixilancia forestal realizarase a través dunha plataforma tecnolóxica que permitirá a observación remota dos montes desde un centro de control que estará operativo as 24 horas do día», comentou Núñez Feijoo incidindo en que, deste xeito, os axentes e técnicos forestais poderán acceder en tempo real ás imaxes, incluso a través de dispositivos móbiles.
Cómpre subliñar, ademais, que nesta primeira fase se outorgará prioridade ao obxectivo de apoiar a extinción dos lumes. Así, cando se detecte un incendio, o sistema ofrecerá imaxes en directo sobre o xeito no que avanza e as súas condicións e permitirá xeoposicionar o punto exacto que se está a visualizar en cada momento. O obxectivo é que este convenio se asine e se licite no vindeiro mes de xaneiro, de tal xeito que o sistema sexa adxudicado nun máximo de dous meses e medio desde a licitación.

PUBLICIDADE