A Xunta potenciará a dixitalización dos autónomos cara á saída do estado de alarma

mércores, 8 de abril do 2020 Redacción

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo esta tarde unha reunión con representantes dos traballadores autónomos centrada no deseño de novas medidas en materia de dixitalización e seguridade e saúde laboral para preparar o seu primeiro día despois do coronavirus. O encontro enmárcase no contacto aberto que mantén a Xunta cos axentes económicos e sociais para abordar con eles os efectos da situación de emerxencia sanitaria que se está a vivir, as súas inquedanzas e necesidades e as principais urxencias que lles supón este novo escenario, e adoptando medidas que vaian encamiñadas a mitigar ese impacto e encarar con maiores garantías a fase de recuperación unha vez se supere a pandemia.
Na videoconferencia con representantes da Asociación intersectorial e interterritorial de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE Galicia), Federación Nacional de Asociacións de Empresarios e Traballadores Autónomos-ATA Galicia e a Asociación Galega de Traballadores Autónomos e do Mar (AGTAMAR) celebrada esta tarde, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria sinalou que a Xunta quere completar as súas primeiras medidas de choque, para resultados inmediatos, con iniciativas que permitan preparar aos autónomos para o primeiro día despois do coronavirus.
Nestas medidas a dixitalización e a seguridade e saúde laboral xogarán un papel destacado e combinaranse servizos, como o apoio aos plans de reactivación, con axudas para os investimentos necesarios para ser competitivos no novo escenario, e estímulos á demanda para un colectivo clave na economía galega e que representa un de cada cinco traballadores.

PUBLICIDADE