A Xunta premia 45 proxectos de alumnos de FP pola súa innovación
luns, 22 de xuño do 2026
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional recoñeceu o labor de 45 centros educativos cos
Nos 45 proxectos distinguidos participan 34 centros coordinadores, 43 centros cooperadores e 69 entidades colaboradoras. As familias profesionais con maior presenza entre as iniciativas premiadas son Transporte e mantemento de vehículos, Madeira, moble e cortiza, Electricidade e electrónica e Hostalaría e turismo. Por provincias, A Coruña concentra 19 proxectos galardoados, seguida de Pontevedra con 12, Lugo con nove e Ourense con cinco.
Mellora de procesos
A primeira das modalidades contempla 26 proxectos premiados centrados na xeración de innovación tecnolóxica ou científica orientada á mellora dos procesos produtivos ou da prestación de servizos. As propostas debían favorecer a transferencia tecnolóxica entre os centros educativos e o tecido produtivo, ademais de contribuír de maneira significativa á empregabilidade do alumnado.
Entre os proxectos recoñecidos figura NANOBIOTECH 4.0: Plataforma biotecnolóxica de nano-encapsulación e deseño de sistemas intelixentes de liberación de activos (drons cosméticos), desenvolvido polo CIFP Manuel Antonio de Vigo, que aposta por unha plataforma de nano-encapsulación destinada á creación de drons cosméticos capaces de superar as barreiras de penetración cutánea. Tamén foi premiado ErgoNova: Optimización da Interacción Usuario-Ferramenta, do CIFP Politécnico de Lugo, que emprega principios de enxeñaría ergonómica para mellorar a relación entre os profesionais e as súas ferramentas de traballo, reducindo a fatiga muscular e contribuíndo á prevención de lesións laborais.
Outras iniciativas destacan pola súa orientación á sustentabilidade e á valorización dos recursos propios de Galicia. Avea Moura, do CIFP de Vilamarín, procura recuperar este cereal autóctono ameazado de desaparición mediante a súa transformación en produtos sen glute de elevado valor engadido. Pola súa parte, Lacteo-Circular: Unidade móbil de Aproveitamento e Tradición, tamén do CIFP de Vilamarín, propón unha unidade móbil sostible para aproveitar o soro de leite na elaboración de bebidas isotónicas e doutros produtos gastronómicos. Completa esta relación Bio-envases para unha Silvicultura de Precisión e Residuo Cero, do IES de Arzúa, que persegue eliminar os residuos no ámbito da produción forestal.
Creación de recursos
A modalidade B reuniu 17 proxectos premiados orientados á creación de materiais e recursos didácticos innovadores para distintas familias profesionais. As propostas debían facilitar a introdución de novos contidos, tecnoloxías avanzadas, equipamento ou maquinaria nos procesos formativos, mediante o desenvolvemento de prototipos, simuladores, laboratorios de prácticas, maquetas ou aplicacións informáticas, entre outros recursos. Ademais, debían poder ser empregados con facilidade noutros centros educativos.
Entre os traballos distinguidos atópase Estación de recuperación circular de ladrillo e arxila, do CIFP Someso, que desenvolve unha metodoloxía de residuo cero destinada á reutilización integral de materiais de construción e á redución da pegada de carbono. Tamén destaca Integración de visión artificial nun robot de soldadura, do IES María Sarmiento de Viveiro, que incorpora intelixencia artificial para corrixir en tempo real as traxectorias de soldadura. A aposta pola dixitalización reflíctese igualmente en Dixitalización e telemando de celas de alta tensión, do CIFP Porta da Auga de Ribadeo, unha iniciativa que emprega servidores web integrados para a formación remota e a supervisión en tempo real de redes eléctricas intelixentes.
Orientación profesional
A modalidade C recoñeceu dous proxectos de orientación profesional innovadora dirixidos a responder ás necesidades do mercado laboral e adaptados ás capacidades e intereses do alumnado. Estas iniciativas teñen como finalidade contribuír á redución do abandono escolar, facilitar a definición de itinerarios formativos e profesionais e mellorar a adquisición de competencias clave para o emprego e o emprendemento.
GuíAme, desenvolvido polo CIFP Ánxel Casal-Montealto da Coruña, consiste nun chatbot baseado en intelixencia artificial integrado nas páxinas web dos centros para resolver de forma inmediata consultas relacionadas coa admisión, os itinerarios formativos ou a acreditación de competencias. Pola súa banda, Agromando Futuro, impulsado polo Centro de Educación Especial Manuel López Navalón, propón un modelo de orientación práctica vinculado á familia profesional agraria. O alumnado participa en actividades como a inoculación de fungos Shiitake ou o seguimento mediante aplicacións dixitais dunha plantación experimental de café. Ambas propostas buscan ofrecer un acompañamento personalizado que contribúa a reforzar a motivación dos estudantes e a súa futura inserción laboral.
A relación completa dos proxectos premiados pode consultarse no dossier anexo.
Plan Innova FP Galicia 26-30
Estes premios forman parte do Plan Innova FP Galicia 26-30, a estratexia da Xunta para reforzar a innovación e a investigación aplicada na Formación Profesional e aliñala cos obxectivos estratéxicos da I+G+i galega. O programa conta cun investimento próximo aos 30 millóns de euros destinado a fortalecer a transferencia dos resultados de investigación e innovación desenvolvidos nos centros de FP cara aos sectores produtivos, así como a favorecer a creación e consolidación de proxectos de base tecnolóxica.
