A Xunta premia os mellores proxectos dos estudantes que cursan o STEMBach
martes, 2 de xullo do 2024
A Consellería de Educación vén de recoñecer este curso, por primeira vez, os mellores proxectos de investigación realizados polos centros educativos no marco do Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, STEMBach, unha iniciativa que ten como finalidade impulsar a formación STEM e as habilidades científico-tecnolóxicas, “en especial no tratamento de datos e na incorporación da Intelixencia Artificial á sociedade”, así como fomentar as vocacións neste eido entre os máis novos.
Hoxe os nove mellores proxectos do programa de STEMBach, dos 61 desenvolvidos, defenderon os seus traballos ante un xurado. Finalmente seleccionáronse os tres mellores proxectos de investigación. O titular do departamento educativo galego destacou que estes proxectos “demostran a calidade e o talento que atesouran os estudantes galegos e convido a afondar máis na formación STEM”.
Os gañadores son o IES Eusebio da Guarda da Coruña co proxecto Novas dianas terapéuticas para o tratamento da artroses: un modelo con algas mariñas, realizado por Natalia Gómez e Ha Nul Kim; o IES Rosalía de Castro con Influencia das condicións meteorolóxicas na cantidade de raios cósmicos detectados na superficie, feito por Belén Carla Merino Pazos, e Tipo de redes neuronais: fundamentos teóricos e aplicacións, traballo de Aroa Álvarez, Andrea Dapena, Natalia Fernández e Alba Quintas, alumnas do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense. As premiadas, todas mulleres, irán de viaxe á feira SciFest de Dublín, en Irlanda.
O xurado destacou a calidade dos proxectos que resultaron premiados así como do resto de finalistas, detallados a continuación:
Centro |
Proxecto |
IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña) |
Medición da calidade lingüística de textos con técnicas de lingüística computacional |
IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña) |
Sistemas automáticos de recomendación de videoxogos |
IES Agra do Orzán (A Coruña) |
Sistema automático de recomendacións de videoxogos |
IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes (Lugo) |
Materiais construtivos e procesos de deterioro da Catedral de Lugo e Capela do Carme |
IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes (Lugo) |
Estimación do sexo, idade e talla en restos óseos humanos |
CPR Plurilingüe Miralba (Vigo) |
Explorando ambientes extremos como fonte de microorganismos produtores de enzimas de interese industrial |
IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela) |
Sensoxenómica, descifrando a melodía xenética da saúde e a enfermidade |
Novidades para o vindeiro curso
STEMbach é unha iniciativa que facilita a adquisición de competencias transversais como a creatividade, o emprendemento, a resolución de problemas, o traballo en equipo, o pensamento crítico e a cidadanía global. Ademais, o programa pon especial foco na redución da fenda de xénero, mellorando a presenza de mulleres en carreiras do ámbito STEM e técnicas.
O titular do departamento galego, aproveitou esta xornada para destacar, nas súas palabras, “o éxito da iniciativa”, que segundo dixo, pódese medir na calidade dos proxectos presentados e no volume de centros participantes, 45, e por ser cursado por 774 alumnos. Os estudantes desenvolven un proxecto de investigación relacionado con calquera ámbito de recoñecemento de materias cursadas, que está co-dirixido por un docente pertencente a un departamento universitario ou entidade de investigación de Galicia e do que o alumno realiza unha defensa do traballo en sesión publica.
No acto tamén participaron a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización da USC, María José López, a vicerreitora de Estudantando e Empregabilidade da UVigo, Natalia Caparrini, e a responsábel do STEMbach da UDC, a investigadora do CITIC Susana Ladra.