A Xunta premia unha obra que combina proxeccións e esculturas en 3D para as Torres Hejduk

mércores, 6 de novembro do 2024 S. P.

O Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk da compostelá Cidade da Cultura, convocado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude xa ten gañadora, a Xunta vén de elixir a proposta Phygital land, traducións do físico ao virtual, traducións do físico ao virtual, entre os creadores e creadoras participantes no XIV Encontro de Artistas Novos (EAN). A artista visual Irene Molina (Granada, 1997), esta creación achégase á relación entre o natural e o dixital desde a idea dunha paisaxe pos-apocalíptica, onde a natureza foi substituída por unha imperfecta e desacougante versión dixital.
Indo á instalación, sinalar que constará tanto de proxeccións dixitais como de esculturas creadas a través de técnicas como a fotogrametría e a impresión 3D. Estas imaxes non procuran ser representacións fieis da natureza, senón creacións a partir de imaxes degradadas ou de baixa resolución, nas que a máquina enche os datos que faltan. A través deste proceso, xérase un tipo de natureza onde os erros dixitais e as fallas na captura de datos se converten en parte esencial da obra: nacen do erro e a visión imperfecta da tecnoloxía, dos ollos dunha máquina que percibe o mundo segundo o algoritmo, coas súas limitacións e reinterpretacións.
O proxecto Phygital land está baseado na teoría da imaxe pobre da artista visual e realizadora cinematográfica alemá Hito Steyerl, que describe as imaxes dixitais de baixa resolución, aquelas que foron comprimidas, degradadas e redistribuídas, como un xeito subversivo de produción cultural. Estas imaxes non só son pobres en calidade técnica, senón tamén en termos do seu lugar na xerarquía da produción visual: revelan a loita entre o control da información e a democratización do seu acceso.
Engadir que o XIV Encontro de Artistas Novos nace coa intención de dar visibilidade a artistas emerxentes, ofrecéndolles un espazo expositivo non convencional a través dunha plataforma de apoio á arte contemporánea recoñecida e consolidada como é o EAN.