A Xunta presenta ao director da AESIA a aposta de Galicia pola IA
luns, 16 de setembro do 2024
O director da AMTEGA, Julián Cerviño, reuniuse co novo director da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA), Ignasi Belda, ao que trasladou a benvida por parte da Administración autonómica e ofreceu colaboración.
O representante da Xunta presentou ao director da AESIA todo o traballo realizado por Galicia no seu obxectivo de se converter nunha rexión europea de referencia en Intelixencia Artificial. Neste sentido, lembrou que o adianto neste traballo foi posible grazas a que Galicia foi unha das tres primeiras autonomías españolas en atender a demanda europea de dispoñer dunha estratexia propia de IA.
Julián Cerviño lembrou a importancia estratéxica da IA en Galicia en aspectos como o achegamento dos ámbitos rural e urbano, a xestión dun territorio diverso cunha poboación moi dispersa e a prestación de servizos esenciais como a saúde, a educación ou a atención a maiores. Tamén informou sobre a aposta pola especialización tecnolóxica e a creación, atracción e retención de talento, de acordo co eixo transversal da Estratexia Galicia Dixital 2030.
Nesta aposta enmárcase a tramitación da primeira lexislación rexional de Europa sobre intelixencia artificial. Julián Cerviño explicou ao director da AESIA os contidos desta lei que será discutida proximamente no Parlamento de Galicia.