A Xunta presenta en Finlandia o seu modelo para o desenvolvemento da IA

venres, 25 de outubro do 2024 Redacción

A Xunta de Galicia presentou esta mañá o seu modelo para o desenvolvemento da intelixencia artificial nunha conferencia internacional organizada polo Comité Europeo das Rexións e a municipalidade da cidade finlandesa de Tampere. O director da AMTEGA, Julián Cerviño, interveu no marco da Conferencia sobre a transformación dixital como axente de cambio para cidadáns, empresas e a economía local e rexional.
A conferencia coincidiu coa celebración, o día de onte, da XXIV reunión da Comisión de Política Económica (ECON) do Comité das Rexións, na que, entre outras, se discutiu a postura deste organismo sobre os Retos e Oportunidades da Intelixencia Artificial no Sector Público: definición do papel das autoridades locais e rexionais.
Tras ofrecer unha visión sobre o proceso de transformación tecnolóxica en Galicia a partir de tres axendas dixitais, Julián Cerviño fixo un repaso aos principais contidos da proposta para a Lei para o Desenvolvemento e Impulso de Intelixencia Artificial que será aprobada proximamente pola Xunta e enviada ao Parlamento para a súa discusión. Trátase da primeira lei deste tipo que se adopta nunha rexión europea, aliñada co Regulamento europeo de IA e que será tomada como referencia por outras administracións rexionais.
O representante da Xunta explicou que a nova lei establecerá o marco para o deseño, adquisición, implantación e uso da IA na Administración pública; regulará o réxime para o uso da IA no sector público e promoverá o desenvolvemento da IA no ecosistema I+D de Galicia e nos sectores económicos.
Julián Cerviño explicou que a lei permitira a adopción de medidas económicas e fiscais, como incentivos para empresas de IA, axuda económica para o seu uso en proxectos de sectores estratéxicos ou a promoción do emprendemento. Destacou, así mesmo, a importancia do novo texto legal para o desenvolvemento do coñecemento e habilidades, a través de actividades formativas para persoal empregado público e do sector produtivo; programas dirixidos a universidades e profesionais ou de sensibilización da cidadanía sobre os riscos da IA. Por último, destacou o papel desta lei na investigación, desenvolvemento e innovación, e citou a promoción da investigación sobre IA e espazos de datos seguros; as actividades vinculadas ao Centro de Supercomputación de Galicia ou as estratexias de colaboración e intercambio en ecosistemas Govtech para a innovación no sector público.