A Xunta presenta o novo sistema para realizar a matrícula escolar a través do móbil
martes, 27 de maio do 2025
A Xunta presentou este 27 de maio os detalles e o funcionamento do novo sistema de matrícula escolar a través do teléfono móbil, que as familias galegas poderán empregar xa en canto se abra o prazo para inscribir aos seus fillos nos colexios e institutos para o vindeiro curso 2025-26.
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, acompañado polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño, e pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa (AMTEGA), Judith Fernández, deu conta desta nova vía de matrícula que, segundo indicou, “súmase as xa existentes ata o de agora e que completa a posibilidade de facer todo o proceso de admisión de xeito telemático”.
Román Rodríguez subliñou que “esta nova fórmula non só beneficia ás familias, senón tamén aos procesos administrativos nos centros escolares na medida en que contribuirá a reducir a súa carga de traballo e facilitar a xestión interna”.
Indicou o conselleiro que o proceso, que foi desenvolvido pola AMTEGA, “é sinxelo e accesible a través de calquera navegador de internet ou de dispositivos móbiles, o que dá máis facilidades ás familias á hora de completar o proceso de matrícula dos seus fillos para todas as etapas educativas, desde Infantil ata Bacharelato e FP”.
Pola súa banda, o xerente de Proxectos-Desenvolvemento de Educación da AMTEGA, Pedro Barreiro, foi o encargado de explicar a cuestións técnicas desta nova funcionalidade de matrícula en liña. Segundo dixo, as familias poderán acceder a través da plataforma AdmisionAlumnado, onde se autentificarán con certificado dixital ou Chave 365. Unha vez autentificados, poderán premer na icona de matrícula onde xa aparecen precargados os datos persoais dos pais ou titores e dos alumnos, que estarán en disposición de actualizar ou modificar en caso de erro. Amais, nesta plataforma, as familias poderán xa seleccionar as materias optativas do curso correspondente.
Segundo indicou, unha das funcionalidades máis innovadoras consiste en que é posible adxuntar en liña todos os documentos requiridos que ata o de agora había que achegar fisicamente ao centro educativo: fotocopia de DNI e de tarxeta sanitaria, fotografías do alumno, autorizacións e permisos debidamente cubertos (como de toma de imaxes, saídas do centro escolar...) ou xustificante do pago do seguro escolar, entre outros.
Ao final da operación, xérase un código de instancia de matrícula e un documento en PDF como xustificante que asegura que o trámite se completou correctamente e, ademais, as familias poden consultar cando desexen.
Pola súa banda, Judith Fernández explicou que as familias con fillos xa escolarizados poderán acceder a este novo sistema a través dunha ligazón dispoñible na aplicación Abalar Móbil. No caso das familias de nova incorporación, recibirán a información a través dos centros escolares onde foron admitidos os seus fillos, posto que aínda non están dentro do sistema Abalar.
O proceso tamén estará operativo desde o Portal Educativo.
Por certo que o prazo para a formalización de matrícula nos centros escolares para o vindeiro curso é do 20 ao 30 de xuño para os alumnos de Infantil e Primaria e do 23 de xuño ao 7 de xullo para os de ESO e Bacharelato.
