A Xunta prevé completar en 2022 a implantación de salas de vistas dixitais

mércores, 8 de setembro do 2021 Redacción

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, anunciou hoxe no Parlamento galego que a Xunta completará en 2022 a dotación de salas de vistas dixitais a través dunha nova licitación que se sumará ás actuacións levadas a cabo ata agora que supuxeron un investimento de 3,7 millóns de euros.
O Goberno galego continuou este ano na modernización destas instalacións coa implantación dunha vintena de salas dixitais nos xulgados da Coruña, Betanzos, Carballo, Ferrol, Santiago, Ourense, Cambados, Cangas, O Porriño, Pontevedra e Vigo. A elas sumaranse outras 66 que se porán en marcha ao longo dos próximos meses até acadar as 142 con esta tecnoloxía. Juan José Martín sinalou que, por exemplo, tódalas salas de vista da nova Cidade da Xustiza de Vigo xa serán totalmente dixitais.
Coa nova licitación prevista para 2022 completarase este modelo avanzado de salas de vistas que poden funcionar de xeito totalmente dixital, xa que permiten a exhibición do expediente dixitalmente durante a vista e contan con sistema de videoconferencia e gravación integrada para a súa incorporación ao expediente xudicial. Ao dispoñer de equipos de videoconferencia integrados facilitan a gravación a través do sistema eFidelius e visualizar todos os elementos do Expediente Xudicial Electrónico.
As salas de vista dixitais son precisamente un elemento máis dentro das medidas levadas a cabo pola Xunta para a modernización da Xustiza a través dos distintos Plans Senda, nos que a Administración autonómica ten investidos case 50 millóns de euros.

Sistemas de videoconferencia e salas Gesell

Entre as medidas que se veñen implantando destaca a instalación de sistemas de videoconferencia na totalidade das sedes xudiciais de Galicia. Nesta liña, o director xeral de Xustiza explicou que actualmente hai case 200 sistemas de videoconferencia habilitados, dos cales máis da metade intégranse nos equipos de gravación das salas de vista e os restantes noutras dependencias como, por exemplo, os xulgados de garda.
Na súa intervención tamén lembrou que a Xunta avanza na dotación de salas de Gesell que facilitan a declaración de testemuñas vulnerables como menores ou vítimas en condicións de protección e privacidade, ao contar cunha zona de exploración e outra de observación conectadas mediante un sistema de videoconferencia.
O compromiso do Goberno galego é dotar de xeito progresivo destas instalacións ás sedes xudiciais das cidades onde se atopan as subdireccións do Instituto de Medicina Legal (Imelga), tendo que en conta que os seus equipos psicosociais son os que levan a cabo as exploración e entrevistas nestes casos. Xa están implantadas salas deste tipo nos xulgados de Ourense e Lugo, ás que se sumarán tamén outras en Pontevedra e na Cidade da Xustiza de Vigo e xa se traballa para implantalas en A Coruña e Ferrol.
O director xeral de Xustiza fixo balance ademais doutras ferramentas de implantación do Expediente Xudicial Electrónico como a sinatura dixital para asinar sentenzas e resolucións de forma online coa mesma validez que en papel ou as comunicacións telemáticas entre os diferencias operadores xurídicos a través da ferramenta LexNET, consolidada xa como ferramenta de comunicación na totalidade de órganos xudiciais galegos.

PUBLICIDADE