A Xunta proba ferramentas de IA nas aulas

luns, 24 de marzo do 2025 Redacción

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, inaugurou o pasado sábado o Congreso Intelixencia artificial e educación. Retos e oportunidades no que participan máis dun milleiro de docentes para achegarlles conceptos fundamentais da intelixencia artificial, analizando as potencialidades e posibles aplicacións no ensino, así como os aspectos éticos e de responsabilidade do uso desta nova ferramenta.
O representante do Goberno galego avanzou que, actualmente, un grupo de docentes está a probar en Galicia ferramentas educativas de intelixencia artificial para coñecer a súa utilidade nas aulas. “Traballos coma este, que buscan validar a confianza e uso seguro de diversas solucións de intelixencia artificial para fins educativos, son a mostra do noso compromiso cun ensino de calidade”, engadiu.
“Este grupo de docentes examinan ferramentas, instrumentos e utilidades que hoxe proporcionan estas tecnoloxías e que queremos que estean no sistema educativo”, sinalou. Son, entre outros exemplos, ferramentas de creación de vídeos educativos, un sistema de elaboración de situacións de aprendizaxe, outro para a creación e edición de recursos con posibilidade de traballo colaborativo, instrumentos de deseño de partituras e materiais para música ou de xeración de esquemas e liñas de tempo.

Pioneiros en materias e xestión

Isto súmase ao proxecto EdugalIA, que conta cun orzamento de 16,5 millóns de euros, 9,9 deles captados a través da Compra Pública Innovadora como a iniciativa educativa máis valorada de España nesta convocatoria. A través del, o Goberno galego despregará a intelixencia artificial na xestión do ensino para mellorar a equidade e calidade do sistema. Centrarase en melloras na gobernanza e no procesamento de datos para incidir particularmente na prevención do abandono escolar. Creará tamén o expediente dixital único do alumnado e establecerá un novo modelo no acceso de alumnos e familias á información de interese, cun punto único de contacto.
Ademais, Galicia foi a primeira comunidade autónoma en incluír na súa oferta educativa materias específicas de intelixencia artificial, que están xerando cada vez máis interese na comunidade escolar; conta cun manual ao respecto, e está elaborando un marco ético para o uso seguro e responsable desta tecnoloxía, entre outras iniciativas.

Relatorios con especialistas

O congreso ofrece ao profesorado participante a oportunidade de coñecer conceptos fundamentais da intelixencia artificial e da súa aplicación no ámbito educativo e propiciará o achegamento dos docentes ás ferramentas que empregan esta tecnoloxía e que son útiles para o seu labor académico. Así mesmo, tamén se analizan os aspectos éticos, de seguridade e legais relacionados co seu uso.
As persoas relatoras encargadas de achegar esta realidade aos docentes galegos son expertas en intelixencia artificial e amosan un abano moi amplo de visións pola diversidade de temas. Entre elas, atópanse a consultora Alba Meijide, a experta en implicacións éticas da IA na sociedade Lorena Fernández ou a divulgadora Nerea Luis. Tamén expertos en didáctica e tecnoloxías educativas como César Poyatos, Ibán de la Horra e Alberto e Mario Herraez, que achegan estratexias e consellos para o aproveitamento e uso responsable destas novas ferramentas na docencia.