A Xunta publica o protocolo que regula o uso dos móbiles nos centros de ensino en tempo de lecer

xoves, 4 de xaneiro do 2024 S. P.

A Xunta de Galicia vén de publicar o protocolo para regular o uso dos móbiles nos centros educativos durante o tempo de lecer, a través do que se amplía á totalidade da xornada escolar a limitación do uso de teléfonos e dispositivos electrónicos que xa estaba vixente no interior das aulas desde 2015 en todos os centros sostidos con fondos públicos de Galicia.
A Consellería de Cultura e Educación engadiu que “desde a volta das vacacións de Nadal, nos centros non se permitirá tampouco o emprego libre destes dispositivos nos períodos non lectivos, que son as entradas e saídas, o tempo de recreo, o comedor escolar e os períodos dedicados a actividades complementarias e extraescolares”. O Goberno autonómico lembrou que a medida xa se estaba aplicando actualmente “no 76% dos centros galegos”. Agora decidiuse ampliala á totalidade logo de escoitar á comunidade educativa.
Estes dispositivos, engadiu a Consellería, “poderán empregarse de xeito proporcionado e razoábel por cuestións de necesidade, médicas ou doutra índole, sempre por motivos xustificados, atendendo ás circunstancias e autorizado pola dirección do centro”. Así mesmo, mantense a posibilidade do uso pedagóxico destas ferramentas, sempre baixo supervisión do profesorado.
Ademais, os centros que imparten ensinanzas de FP de Grao Superior, de Réxime Especial (como escolas oficiais de idiomas ou conservatorios, entre outros) e de Adultos, polas súas características organizativas e de alumnado, poderán non aplicar esta medida nesas etapas se así o consideran. Así, en base á súa autonomía organizativa, poderán adaptar o protocolo no relativo ás limitacións establecidas nos períodos non lectivos.