A Xunta reafirma o seu compromiso coa innovación e a transformación dixital das empresas galegas

mércores, 26 de febreiro do 2025 Redacción

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe no IV Encontro Nacional de Hubs de Innovación Dixital, celebrado na Cidade da Cultura, onde reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia coa innovación e a dixitalización empresarial. Durante a súa intervención, destacou a aposta do Goberno galego pola modernización do tecido produtivo e a colaboración cos Digital Innovation Hubs (DIH) para garantir a competitividade das empresas galegas nun mercado globalizado.
A directora puxo en valor o papel fundamental que xogan os hubs de innovación dixital na transformación do tecido produtivo, permitindo ás empresas galegas acceder a ferramentas avanzadas en ámbitos como a intelixencia artificial, a ciberseguridade ou a sustentabilidade industrial. Tamén subliñou que Galicia conta con dous hubs de innovación dixital estratéxicos, recoñecidos polo Goberno galego pola súa capacidade para impulsar a transformación tecnolóxica das empresas galegas: Dihgigal, especializado na industria manufactureira e na modernización dos procesos produtivos, e DataLife, centrado na biotecnoloxía e nas ciencias da vida.
No eido da innovación, incidiu, o Igape ten activo un amplo abano de programas, como a liña Ticket Innova, deseñada para axudar ás empresas a certificarse, mellorar o seu deseño industrial e integrar novas tecnoloxías; o programa Igape Innova, destinado o desenvolvemento de produtos e servizos sustentables e dixitais; ou a iniciativa IA360, para o impulso da intelixencia artificial no tecido empresarial galego.
Para concluír, a directora fixo un chamamento á colaboración entre empresas, administracións e hubs de innovación. “O camiño cara á dixitalización é unha viaxe conxunta. Contamos coa tecnoloxía, cos recursos e co talento necesario para seguir avanzando. Traballemos xuntos para facer de Galicia unha referencia en innovación e competitividade”, incidiu.