A Xunta recolle nos orzamentos do vindeiro ano máis de 27 millóns de euros para consolidar o Polo Aeroespacial

venres, 28 de outubro do 2022 S. P.

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, participou este xoves no congreso New Space 2022, que se celebra en Vigo da man da empresa Alén Space. No marco deste evento, que xunta até hoxe aos principais representantes estatais do ámbito aeroespacial, o conselleiro apuntou que os Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano recollen unha partida de máis de 27 millóns de euros para consolidar o Polo Aeroespacial de Galicia, impulsado dende a Axencia Galega de Innovación (Consellería de Economía).
No relativo á actividade xerada polo polo, o conselleiro fixo balance deste xeito: “son máis de 900 profesionais de máis de 50 empresas e centros de coñecemento os que están implicados nesta iniciativa, da que xa saíron 62 solucións ao mercado”. Trátase, engadiu, “dunha iniciativa que suma as capacidades do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR); o parque tecnolóxico e industrial que albergan estas instalacións, cos hangares de Indra e Babcock; e das pemes e entidades que colaboran nos diferentes proxectos de I+D que se están desenvolvendo”.
Conde salientou que Galicia agarda que o Goberno central convoque canto antes o groso das axudas do PERTE Aeroespacial porque conta cun proxecto sólido e apoiado polas principais compañías do sector (os tres novos socios industriais, Airbus, Babcock e Telespazio, así como por empresas do sector como Boeing e Indra), e co talento de todo o ecosistema de centros tecnolóxicos e empresas que traballan na cadea de valor desta industria para resultar beneficiada.

PUBLICIDADE