A Xunta recoñece en Ourense a Bermello Electrodomésticos como exemplo de dixitalización
xoves, 30 de abril do 2026
O establecemento tradicional ourensán Bermello Electrodomésticos centrou e acolleu este xoves 30 de abril o evento de presentación de Xerme III, cuxo obxectivo é favorecer novas iniciativas de mercado no comercio electrónico ao abeiro da Rede de Polos de Emprendemento da Xunta coa colaboración do Clúster do Ecommerce Galego.
Na cita participou a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, quen salientou a traxectoria exemplar de Bermello, “un comercio tradicional e arraigado no territorio que soubo adaptarse ás tendencias de consumo e apostou pola dixitalización e por combinar o comercio en tenda física co comercio electrónico”, sinalou.
O acto celebrouse no almacén e oficinas de Bermello Electrodomésticos, na estrada de Vigo, e consistiu nun encontro para reforzar o ecosistema emprendedor galego no ámbito do comercio electrónico. Participaron Jorge Bermello, o fundador da empresa, na compaña do seu neto e director executivo da firma (CEO), Jorge Guillermo Sobrino Bermello, que foi o encargado de abrir o acto.
Pola súa banda, Marta Mariño salientou o apoio que brinda a Administración galega ao tecido emprendedor, reflectido a través de ferramentas como a Rede de Polo. No caso de Xerme, puxo en valor a colaboración co Clúster do Ecommerce Galego para levalo a cabo, así como a formación técnica e o mentoring especializado que abrangue esta acción co fin de crear ou consolidar proxectos de comercio electrónico ou servizos vinculados a este ámbito.
Lembrou que o programa Xerme está enfocado tanto a novos proxectos como a negocios existentes que aposten por acceder á comercialización dixital, e lembrou que entre as propostas seleccionadas hai distintas modalidades de negocio relacionados coa gandaría, téxtil e calzado, as traballos manuais, a xoiaría, o turismo, o benestar, a alimentación e a cosmética natural, entre outros e algunhas delas asesoradas na Rede de Polos de Emprendemento.
Do mesmo xeito que o ano pasado, Xerme estrutúrase en dúas modalidades (iniciación e avanzado) para adaptarse tanto a iniciativas en fase de ideación como a ecommerce xa en funcionamento. Consta de tres fases complementarias. Na primeira, os proxectos participan en obradoiros intensivos para definir o seu modelo de negocio, incluíndo a proposta de valor, a cadea de valor e os canais e a estrutura financeira.
A segunda fase, que se desenvolverá ata setembro, combinará formación avanzada e titorización individualizada adaptada a cada proxecto, centrada na mellora da estratexia competitiva, aspectos técnicos e viabilidade. A terceira fase preparará aos participantes en técnicas de comunicación e presentación, culminando coa celebración dun DemoDay no que cada proxecto poderá expoñer a súa iniciativa ante investidores, clientes e outros axentes do ecosistema emprendedor.
