A Xunta redobra o seu apoio á candidatura da UNESCO de Ponte... nas Ondas!

mércores, 16 de novembro do 2022 S. P.

Os directores xerais de Cultura e de Patrimonio Cultural, Anxo M. Lorenzo e Mª Carmen Martínez, asistiron este mércores 16 de novembro, no Centro Cultural de Valadares, á entrega de premios da V edición do certame As imaxes do Patrimonio, onde trasladaron o apoio da Xunta de Galicia a candidatura de Ponte... nas Ondas! que aspira a entrar no Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO.
Lorenzo e Martínez amosaron o seu optimismo ante a decisión que se tomará no 17 Comité Intergubernamental que se celebrará en Rabat do 28 de novembro ao 3 de decembro despois de que a proposta conxunta de Galicia e Portugal superase hai uns días o último informe necesario previo a súa inscrición. “Para coidar e manter vivo o noso patrimonio é clave que as xeracións máis novas comprendan a importancia de coidalo e iniciativas como esta resultan fundamentais para a súa concienciación”, salientaron, engadindo que “agardamos que a resposta sexa positiva porque sería a primeira distinción nesta materia para Galicia e suporía un gran impulso internacional para favorecer os lazos coa lusofonía e a sensibilización co patrimonio inmaterial”, afirmaron.
Máis datos de Ponte... nas ondas
O proxecto, de máis de 25 anos de andaina, é unha iniciativa transfronteiriza que promove o intercambio lingüístico entre centros de ensino da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e que opta a ser inscrito no rexistro de boas prácticas do Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO.
Trátase dunha candidatura conxunta de España e Portugal, presentada en marzo de 2021 e cuxa resolución coñecerase na sesión que o Comité Intergobernamental celebrará en Rabat do 28 de novembro ao 3 de decembro.
Ponte... nas Ondas! vén da man da Asociación Cultural e Pedagóxica do mesmo nome co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística (Consellería de Cultura) e de cuxa colaboración teñen abrollado iniciativas como o Certame de Podcasts en Galego Xosé Mosquera Pérez (O Vello dos Contos) ou outras iniciativas que poñen o foco nas novas ferramentas dixitais.
Oito galardóns, tres accésits e un premio especial do xurado
O V Certame de Recolla das Imaxes e Podcasts do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués, o concurso As imaxes do patrimonio, promove a recuperación e posta en valor das fotografías para que poidan ser usadas no ámbito escolar pola carga didáctica que atesouran con oito galardóns divididos en tres categorías, tres accésits e un premio especial do xurado.
Na primeira categoría, para alumnado de Infantil e Primaria, resultaron gañadores Yoel Ares Gómez, do Colexio da Ramallosa (Teo), no primeiro posto; o colexio Altamira (Salceda de Caselas), no segundo, e Joana Correira do Agrupamento de Escolas Vale do Tamel (Barcelos) no terceiro.
Na segunda, dirixida a estudantes de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, o primeiro premio foi para Amaia Troncoso, do instituto Pedras Rubias (Salceda de Caselas); o segundo para Irene Briones Álvarez, do instituto Auga da Laxe (Gondomar), e o terceiro para María Martins Pires, da Escola Básica Dr. Flávio Gonçalves (Póvoa de Varzim).
Por segundo ano consecutivo inclúese unha terceira categoría para podcasts relacionados coas imaxes do patrimonio na que se recoñeceu o traballo do colexio CEIP da Ramallosa (Teo), na categoría de Ensino Primario, e de Cristina Louredo, do instituto Alexandre Bóveda (Vigo), na categoría de Ensino Secundario.
Os premiados complétanse con un accésits en cada unha das categorías que recibiron Elisa de Almeida Mouteira do colexio Altamira (Salceda de Caselas), Héctor Castelló López do instituto Rosalía de Castro (Santiago de Compostela) e Carmen Iglesias Fernández do instituto San Rosendo (Mondoñedo).
Ademais, o xurado decidiu entregar un premio especial á participación o colexio Carlos Casares de Alxén (Salvaterra de Miño) polo seu traballo para fomentar a investigación e coñecemento do patrimonio entre o alumnado.

PUBLICIDADE