A Xunta reforza a I+D+i na FP cunha nova aula audiovisual en Vigo

mércores, 29 de abril do 2026 Redacción

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, puxo en valor hoxe o novo espazo de tecnoloxía aplicada do Centro Integrado de FP Audiovisual de Vigo como unha oportunidade para reforzar a I+D+i desde estas ensinanzas. Fíxoo durante a inauguración da aula, ocasión na que felicitou ao centro vigués e subliñou o papel clave dos centros integrados de FP no impulso de proxectos de innovación e investigación aplicada.
Co nome de Rede Educativa Audiovisual Galega, a nova aula foi deseñada e coordinada polo profesor Ignacio Fernández Canal e contou cun investimento da Xunta de 55.000 euros. O espazo está orientado a fomentar a innovación educativa, a integración de novas tecnoloxías no proceso de ensino-aprendizaxe e a mellora da formación do alumnado en contornos adaptados ás esixencias actuais da industria audiovisual. Para iso, incorpora tecnoloxía avanzada e configura un espazo de traballo de carácter profesional que integra realización, produción, son e plató, situando o centro como referente no eido audiovisual.
Iniciativas deste tipo supoñen un avance nas infraestruturas e no equipamento dos centros, ao tempo que recoñecen o esforzo compartido por consolidar unha FP moderna, conectada coa realidade e orientada ao futuro.
«Desde a Xunta, a través do novo Plan Innova FP Galicia, imos dar un novo pulo a esta liña de investigación, cun investimento total de 30 millóns de euros e accións como a creación dunha Rede de Centros de Innovación Avanzada na FP galega», afirmou a representante da Consellería de Educación, Ciencia, FP e Universidades. Tamén indicou que o plan prevé a creación de 50 espazos de tecnoloxía avanzada, «que supoñen un paso máis na actual rede de 115 espazos de tecnoloxía aplicada existentes nos centros, como o que hoxe inauguramos neste CIFP Audiovisual».