A Xunta reforza a formación do profesorado no eido dixital, nas matemáticas e na lectura con 6.400 actividades
mércores, 1 de xullo do 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou o plan anual de formación do profesorado para o vindeiro curso 2026-27, cunha programación que inclúe 6.395 actividades, 134.000 horas de formación e un total de 132.000 prazas ao servizo da mellora da cualificación profesional dos docentes en Galicia que, na práctica, “redundará tamén nunha mellor formación do alumnado”.
Na presentación, na que estivo acompañado polo director xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Jesús Álvarez, e pola directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, Román Rodríguez salientou que esta planificación que arrancará a partir de setembro fai especial fincapé na formación en competencias clave como son as matemáticas e a lingua, así como nas competencias dixitais “que tamén resultan imprescindibles para o actual contexto tecnolóxico”.
O plan, dixo, está aliñado coa futura Lei de Educación Dixital de Galicia, cuxo anteproxecto foi aprobado hai uns días para o inicio da tramitación parlamentaria. Segundo lembrou o conselleiro, esta nova normativa, pioneira e inédita ata o de agora, busca afianzar o modelo galego de ensino híbrido e, para iso, “é necesario tamén reforzar os coñecementos e o desempeño profesional dos profesores tanto nas competencias tradicionais como nas novas esixencias derivadas da innovación e a dixitalización, como é o emprego da intelixencia artificial”.
A oferta formativa para o vindeiro curso afonda nas competencias matemáticas e lectoras desde un enfoque práctico e baseado na resolución de problemas próximos á realidade do alumnado, así como nunha lectura comprensiva. Así mesmo, tamén se reforza o itinerario formativo en competencia dixital, tendo en conta o uso da IA enfocado aos distintos colectivos; continúase co proceso de acreditación da competencia dixital docente; refórzase o itinerario STEM, e actualízanse os itinerarios formativos para novos docentes e equipos directivos a través de liñas como a mentoring e a concienciación do papel da IA nas súas funcións e responsabilidades.
