A Xunta reforzará as infraestruturas tecnolóxicas e os servizos públicos

luns, 28 de xullo do 2025 Redacción

O Consello da Xunta aprobou dous plans destinados a reforzar as infraestruturas tecnolóxicas e de telecomunicacións da Administración autonómica, co propósito de garantir a continuidade dos servizos públicos ante eventuais cortes na subministración eléctrica. As medidas, promovidas pola AMTEGA e pola empresa pública Retegal, supoñen un investimento conxunto de case 7,5 millóns de euros ata o ano 2028.
Tras a apagada rexistrada na Península Ibérica o pasado mes de abril, ambos organismos elaboraron cadanseu plan de actuación para avaliar a eficacia das solucións dispoñibles e detectar melloras necesarias. Aínda que os sistemas de respaldo funcionaron con eficacia, as novas planificacións buscan asegurar o funcionamento dos servizos mesmo en situacións de maior duración ou complexidade.
Entre as actuacións previstas pola AMTEGA destaca a incorporación de conexións a internet por satélite no Centro de Procesamento de Datos Integral (CPDI) e en edificios da Xunta con grupos electróxenos, así como a conexión destes centros mediante fibra escura a través da rede de Retegal. Tamén se mellorará a redundancia na telefonía fixa nos principais edificios administrativos e implantarase un sistema multiconector con distintos operadores, incluído o servizo de emerxencias 112.
Pola súa banda, Retegal centrará os seus esforzos en dotar de terminais TETRA a todo o persoal técnico de campo e de mantemento, ademais de reforzar os grupos electróxenos e renovar baterías nas instalacións onde se detectou un rendemento deficiente. Está prevista tamén a ampliación dos depósitos de combustible e a instalación de sistemas de monitorización. Outras medidas inclúen o despregamento de máis radioenlaces para mellorar a redundancia das comunicacións, a implantación de sistemas de control de acceso electrónico e o aumento da capacidade das baterías nas estacións críticas.
Estas actuacións permitirán mellorar a resiliencia tecnolóxica da Xunta de Galicia e asegurar a prestación dos servizos públicos mesmo en contextos adversos, reforzando a seguridade das comunicacións e a continuidade operativa dos sistemas clave da Administración.