A Xunta reforzará o sistema Merlin para anticiparse ás inundacións

luns, 23 de marzo do 2026 Redacción

O Consello da Xunta autorizou un convenio entre Augas de Galicia e o CESGA

Augas de Galicia está a executar un contrato de preto de 632 mil euros, financiado con fondos europeos, para introducir melloras tecnolóxicas neste sistema de alerta temperá, que permite prever con ata tres días de antelación posibles enchentes na Demarcación Galicia-Costa. As actuacións previstas inclúen o incremento do número de modelos e puntos de predición, así como unha mellora da precisión, da cobertura territorial e da resposta en tempo real.
O sistema Merlin integra nunha única ferramenta datos meteorolóxicos, hidrolóxicos e hidráulicos, o que facilita predicións máis afinadas e unha xestión máis eficiente do risco. Coas novas actualizacións, tamén se mellorará o visor web e a xestión das bases de datos, co fin de facer máis accesible a análise da información.
A evolución do sistema implicará un aumento significativo das necesidades de cálculo. Para dar resposta a esta demanda, a Xunta autorizou un convenio entre Augas de Galicia e o CESGA, que permitirá empregar infraestruturas de supercomputación. Segundo os datos achegados, as novas predicións diarias requirirían máis de 1.200 horas de cálculo en equipos convencionais, un tempo que o CESGA pode reducir a poucas horas grazas ao procesamento en paralelo.
Este acordo, cun orzamento de 64.558 euros e vixencia ata 2029, dá continuidade á colaboración entre ambas entidades e permitirá adaptar o sistema ás novas esixencias tecnolóxicas.
Ademais do reforzo de Merlin, a Xunta mantén outras liñas de actuación para facer fronte ao risco de inundacións. Entre elas destaca a rede de medición hidrolóxica, con 95 estacións repartidas pola demarcación Galicia-Costa, ou o proxecto Aquatwin, que permitirá crear un xemelgo dixital das bacías hidrográficas para simular escenarios e mellorar a toma de decisións.
No conxunto destas políticas, o Executivo galego prevé mobilizar máis de 65 millóns de euros ata 2030 en actuacións de prevención, planificación e execución de obras, co obxectivo de reforzar a resiliencia fronte ás inundacións e mellorar a protección da cidadanía e das infraestruturas.