A Xunta reivindica a participación das comunidades autónomas na AESIA

venres, 14 de xuño do 2024 Redacción

Miguel Corgos, conselleiro de Facenda e Administración Pública, participou está mañá na Conferencia Sectorial de Transformación Dixital, da que forman parte o Goberno do Estado e todas as comunidades autónomas, onde defendeu que as comunidades autónomas teñan unha participación directa e activa na gobernanza da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), que se vai instalar na Coruña.
Na reunión participou o ministro de Transformación Dixital e Función Pública, José Luis Escrivá. O conselleiro estivo acompañado polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño.
A maior parte dos representantes autonómicos trasladaron ao ministro o seu malestar polo feito de que as comunidades autónomas non foran consultadas para a elaboración da nova Estratexia de Intelixencia Artificial do Estado. Neste sentido, o conselleiro insistiu en que as comunicades autónomas deben participar e ser tidas en conta para a posta en marcha desta estratexia.
Corgos lembrou que Galicia foi unha das tres primeiras comunidades españolas en atender a recomendación comunitaria de elaborar unha estratexia propia sobre intelixencia artificial.
O conselleiro tamén puxo en valor a aposta de Galicia pola especialización tecnolóxica e, en concreto, polo desenvolvemento e uso da intelixencia artificial. Neste sentido, Galicia entende a transformación dixital como unha oportunidade para afrontar a cohesión do territorio, para achegar os servizos ás zonas rurais, para proporcionar calidade de vida ás persoas e para xerar riqueza e emprego.
Nesta aposta pola especialización en intelixencia artificial enmarcouse a promoción e elaboración, por parte da Xunta, da candidatura que permitiu que a AESIA se instale na Coruña.

PUBLICIDADE