A Xunta reivindica na Tecnópole o lugar destacado da industria aeroespacial galega

venres, 10 de abril do 2026 S. P.

O Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) acolleu este xoves 9 de abril a VII Xornada Cadea de Subministro Aeronáutica Española, promovida pola Asociación Española de Empresas Tecnolóxicas de Defensa, Seguridade, Aeronáutica e Espazo (TEDAE) e por ASIME. No encontro participou a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, quen sinalou que Galicia conta cun ecosistema industrial aeronáutico e aeroespacial “sólido e recoñecido”, que inclúe desde grandes fabricantes con presenza internacional ata empresas especializadas en mecanizado, estruturas, sistemas de control e mantemento.
Amais, engadiu que firmas como Delta Vigo, COASA, UARX Space ou Kreios Space “son mostra de que a comunidade ocupa xa un lugar destacado na cadea de valor mundial do sector, xerando emprego de alta cualificación e exportando capacidade tecnolóxica en mercados de máxima esixencia”.
Engadiu que o apoio da Xunta de Galicia ao sector aeronáutico e aeroespacial “ten máis dunha década de percorrido”, e agora consolídase coa Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo (IESDA), que ten ampliación ata 2030.
A directora xeral destacou que o novo contexto xeopolítico e tecnolóxico representa “unha oportunidade real para as empresas galegas e lembrou que investir en seguridade, defensa e aeroespazo é tamén investir en prosperidade, en capacidade tecnolóxica e en tecido industrial”.
O encontro reuniu na localidade ourensá de San Cibrao das Viñas a representantes das principais empresas do sector, entre elas Airbus, ITP Aero, Aernnova, Aciturri e Delta Vigo, xunto a pemes galegas de referencia na cadea de subministro.
Ardao lembrou ademais dous instrumentos impulsados pola Xunta no marco da Iniciativa Estratéxica e dirixidos ás pemes: as axudas para a certificación como provedoras do sector da seguridade e a defensa (abertas ata o 13 de maio, cun orzamento de 1,5 millóns de euros e ata 75.000 euros por empresa); e o Programa Executivo en Industria de Defensa en Galicia, desenvolvido coa colaboración da Escola de Organización Industrial, que, segundo dixo, “rexistrou un elevado número de solicitudes que levou á próxima convocatoria dunha segunda edición”.
A directora xeral avanzou que en datas vindeiras lanzaranse novas convocatorias para reforzar o posicionamento das pemes galegas no sector.