A Xunta renova a área privada da súa sede electrónica mellorando a usabilidade

luns, 14 de xullo do 2025 Redacción

A Xunta de Galicia estreou o pasado sábado unha nova versión da área privada da súa sede electrónica, cun deseño e funcionalidades mellorados co obxectivo de facilitar a experiencia dos usuarios e reforzar a seguridade e a accesibilidade na tramitación dixital.
Entre as principais novidades destaca un novo deseño gráfico, máis claro e adaptado a todo tipo de dispositivos, así como unha xestión máis sinxela dos datos persoais, que agora se poden consultar e actualizar de maneira máis áxil e segura. A reorganización dos contidos inclúe a nova sección Os meus Documentos, que permite acceder de forma centralizada a certificados, copias electrónicas auténticas e documentación presentada previamente.
A actualización tamén incorpora melloras na presentación de solicitudes e formularios. Estes pasan a ser dinámicos, adaptándose automaticamente ás respostas da persoa usuaria, o que simplifica o proceso e reduce o tempo de tramitación. Esta funcionalidade comeza a aplicarse no procedemento PR004A (solicitude xenérica) e estenderase progresivamente a outros formularios.
Outra incorporación salientable é a posibilidade de asinar documentos desde dispositivos Android, mediante certificado dixital ou DNI electrónico, ampliando así as opcións para a sinatura electrónica.

Cara a unha sede máis completa e personalizada

Esta renovación insírese nun proceso máis amplo de modernización dos servizos dixitais da Xunta. Nas vindeiras fases prevese a integración de novas funcionalidades, como a incorporación de tarxetas e certificados (por exemplo, o Carné Xove ou títulos profesionais), a inclusión de avisos personalizados durante o acceso á sede e a creación dun historial visual que facilite o seguimento dos expedientes.
Tamén se prevé a separación entre a Carpeta Persoal e a Carpeta Profesional, permitindo distinguir con claridade os trámites feitos a título individual daqueles realizados como empresa, autónomo ou representante legal.
Con esta nova versión, a sede electrónica da Xunta avanza cara a unha administración máis accesible, dixitalmente eficiente e centrada nas necesidades reais da cidadanía galega.