A Xunta renova a súa sede electrónica
martes, 18 de marzo do 2025
A Xunta renova a súa sede electrónica para facela máis accesible, personalizada e proactiva coa premisa de poñer ás persoas no centro dos servizos dixitais e introduce unha serie de melloras para simplificar o acceso aos trámites, facilitar as buscas e a visualización desde calquera dispositivo móbil.
O novo portal conta cun deseño máis sinxelo para facilitar o acceso aos principais servizos da sede. Para simplificar as buscas, agora o buscador está sempre visible na parte superior da web e a barra de busca ofrece suxestións automáticas cunhas etiquetas máis claras, amplas e doadas de ver. Tamén se melloraron aspectos na visualización en dispositivos móbiles, para facilitar ao máximo o acceso dende calquera canle.
Refórzase a personalización dos servizos coa creación do apartado Para ti, que permitirá o acceso á información de servizos dirixidos a colectivos especÃficos, como familias, mocidade, persoas desempregadas, persoas emprendedoras, etc...
Esta nova versión da sede electrónica é un paso máis no proceso que está a abordar a Xunta de Galicia para ofrecer servizos dixitais desde unha perspectiva multicanle, que abrangue a sede, a aplicación XuntaEU e as oficinas de asistencia á cidadanÃa, facendo especial fincapé na personalización dos servizos e na simplificación do acceso aos trámites.
Novas fases da renovación
O redeseño do portal da sede electrónica é a primeira fase dun proceso que terá continuidade en vindeiras fases coa diferenciación da carpeta persoal e a carpeta profesional que permitirá consultar de maneira separada os trámites de carácter persoal dos realizados como profesional, a simplificación da linguaxe que se emprega nos procedementos administrativos e servizos e o desenvolvemento de canles de asistencia virtual para apoiar e acompañar na consulta de información e na tramitación.
