A Xunta renovará e ampliará os seus servidores virtuais

luns, 2 de febreiro do 2026 Redacción

A Xunta de Galicia renovará e ampliará os seus servidores virtuais co obxectivo de mellorar a eficacia e reducir os custos asociados aos servizos e recursos dixitais da Administración autonómica. O Consello da Xunta aprobou a formalización dun acordo marco con vixencia de catro anos que permitirá actualizar e ampliar, cando sexa necesario, as licenzas de software empregadas nestas contornas virtualizadas.
A través deste acordo, a Xunta poderá investir ata 11,8 millóns de euros nos vindeiros catro anos para garantir o correcto funcionamento dos servidores virtuais, que actúan como servidores físicos pero sen depender dunha única infraestrutura de hardware. Estas solucións permiten optimizar o uso dos recursos dispoñibles, mellorar o rendemento das aplicacións e incrementar a dispoñibilidade dos servizos dixitais que presta a Administración galega.
Os servidores virtuais achegan tamén maiores niveis de estabilidade e seguridade, xa que reducen as incidencias derivadas de fallos ou das tarefas de actualización das infraestruturas físicas. Entre as súas vantaxes destaca a posibilidade de realizar mantementos ou actualizacións de hardware sen interromper os servizos, ao permitir o traslado das máquinas virtuais entre distintos servidores físicos.
Na actualidade, a Administración autonómica conta con máis de 6.000 servidores en contornas virtualizadas. Sen esta tecnoloxía, sería necesario adquirir, instalar e manter miles de equipamentos físicos adicionais, cun custo moi superior en termos de investimento inicial, consumo eléctrico, climatización, espazo e mantemento. Segundo os cálculos da Administración, os custos anuais dun sistema baseado exclusivamente en servidores físicos serían aproximadamente cinco veces máis elevados.
A Xunta leva máis dunha década apostando pola virtualización de servidores, unha estratexia avaliada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia a través de distintos proxectos piloto, que confirmaron a súa eficacia e adecuación ás necesidades actuais e futuras da Administración autonómica nun contexto de crecente demanda de servizos dixitais.