A Xunta salienta o compromiso coa innovación e a transformación dixital nas políticas de desenvolvemento rexional

mércores, 25 de xuño do 2025 Redacción

A directora do IGAPE, Covadonga Toca, participou no XXV Foro Anual das Axencias de Desenvolvemento Rexional (ADR), que tivo lugar en Salamanca os días 24 e 25 de xuño. Este evento constitúe un espazo clave de encontro entre as ADR e unha valiosa plataforma para intercambiar experiencias, coñecementos e, nesta edición, propostas arredor da intelixencia artificial e da competitividade empresarial.
Ao longo do foro tratáronse temas estratéxicos para o futuro das administracións públicas, como a incorporación da intelixencia artificial e a ciberseguridade na xestión pública, ademais do papel das axencias na promoción da innovación, o emprendemento e a cooperación territorial.
«A nosa participación reflicte o compromiso da Xunta de Galicia coa cooperación interrexional e coa construción dunha economía máis innovadora, inclusiva e sustentable. Estes encontros permítennos coñecer as mellores prácticas doutras rexións, reforzar alianzas institucionais e seguir avanzando en políticas públicas eficaces e adaptadas ao novo contexto tecnolóxico», sinalou a directora.