A Xunta seguirá traballando pola presenza do galego na IA a través do Proxecto Nós

mércores, 30 de outubro do 2024 S. P.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o secretario xeral de Lingua, Valentín García, presentaron as vindeiras iniciativas do Goberno galego en materia de promoción do galego, un paquete que en boa medida pon o foco no plano dixital, por exemplo a través do Proxecto Nós de Intelixencia Artificial, destinado a afianzar o galego nos principais recursos intelixentes da nova revolución tecnolóxica.
Segundo fixo saber o conselleiro, a Xunta contará o vindeiro ano cun incremento de máis do 30% na partida destinada a accións de dinamización da lingua galega. Así o anunciou na Comisión 3º do Parlamento de Galicia, onde compareceu para presentar os orzamentos do seu departamento para 2025 e asegurou que, con este primeiro aumento, iníciase unha senda de crecemento que se “manterá ao longo de toda a lexislatura para levar a cabo as medidas transversais que se porán en marcha ao abeiro do Pacto da Lingua”.
Asemade, dixo que as contas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude medran en 2025 un 7,5% ata superar os 146M€ para afianzar o bo momento do sector cultural, prestixiar o uso do galego e ofrecer garantías para que a mocidade poida desenvolver o seu proxecto de vida. Neste senso, explicou que un dos departamentos máis reforzados é a Secretaria Xeral da Lingua “cara a onde reorientamos as nosas contas para ir dando forma ás medidas derivadas do gran Pacto pola Lingua e que inclúen a renovación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega ou a posta en marcha dunha batería de 50 medidas para impulsar e dinamizar o seu uso en toda a sociedade”.
Unha destas medidas, tal e como anunciou, será a creación de cursos de lingua galega dirixidos a persoal dos centros sanitarios. “Estamos xa en conversas coa Consellería de Sanidade, coa que nos reuniremos nas vindeiras semanas para dar forma a esta iniciativa”, apuntou o conselleiro antes de engadir que o obxectivo destas contas comprometidas coa lingua galega é “seguir reforzando o seu uso para dotala do prestixio que merece”.
Ademais, prolongarase a colaboración coas universidades e institucións como a Real Academia Galega ou o Consello da Cultura Galega “ao tempo que avanzamos en investigación e na presenza do galego en ámbitos tan importantes como a Intelixencia Artificial a través do Proxecto Nós, no que continuaremos traballando”, de xeito conxunto coa RAG e máis coa Universidade de Santiago.
O conselleiro tamén destacou o impulso ao Plan de dixitalización do patrimonio cultural galego integrando ferramentas como o 3D ou a Realidade Virtual para favorecer o coñecemento, a posta en valor do patrimonio arqueolóxico de todo o territorio ou o impulso á candidatura da Ribeira Sacra co fin de acadar o máximo recoñecemento da UNESCO en 2026.