A Xunta simplifica a súa linguaxe administrativa e facilita a implantación da eAdministración
luns, 20 de xaneiro do 2025
A Xunta anunciou este 19 de xaneiro diversas medidas encamiñadas a simplificar a linguaxe administrativa para, en palabras do Goberno galego, “achegar unha información máis útil e sinxela á cidadanía e que os galegos e galegas poidan tomar decisións con coñecemento e seguridade”. Para iso elaborouse unha guía que ofrece recomendacións ao persoal empregado público co fin de “escribir da forma máis clara posíbel, tendo sempre en conta o perfil das persoas destinatarias”.
A finalidade desta publicación é “lograr que a comunicación entre a Administración e a cidadanía sexa máis fluída e eficaz, aumentar a comprensión dos documentos ofrecidos ao público e, deste xeito, incrementar a transparencia informativa e mellorar a satisfacción das persoas usuarias dos servizos públicos prestados pola Xunta de Galicia”.
A Xunta lembra que a guía acadou o segundo premio no concurso de persoal funcionario público innovador, convocado pola Axencia Galega de Innovación, na modalidade de simplificación administrativa.
A publicación estrutúrase en catro partes que seguen o fluxo lóxico da escritura, empezando por recadar a información precisa antes de empezar a escribir, organizar as ideas, redactar e revisar o texto antes de que vexa a luz. Recolle tamén aspectos básicos da escritura web, con suxestións para adaptar o estilo do texto e o seu contido ás necesidades de Internet, así como recursos multimedia dispoñíbel para lograr unha comunicación máis eficaz. Encádrase nas competencias e funcións da Dirección Xeral de Simplificación, que procura a promoción e o impulso da redución de cargas burocráticas, facilitando o acceso da cidadanía aos servizos públicos dun xeito sinxelo. Para iso realiza un acompañamento aos distintos departamentos da Administración autonómica no deseño e implantación dos servizos públicos, buscando optimizar trámites e documentos, reducir as cargas administrativas, empregar de forma xeneralizada comunicacións previas e declaracións responsábeis, así como potenciar a lectura fácil e a implantación da Administración Electrónica, a aplicación de tecnoloxía innovadora e o ofrecemento proactivo dos servizos públicos, “coa finalidade de mellorar a confianza e a resposta á cidadanía e ás empresas”, explicou a Dirección Xeral.