A Xunta tirará proveito das TIC para mellorar o tratamento dos residuos industriais

mércores, 23 de outubro do 2024 S. P.

Na xornada deste martes 22 de outubro Vigo acollía o encontro Unidos por unha Galicia sostíbel, organizada pola Xunta e a Asociación Profesional de Empresas Medioambientais (APROEMA) para presentar o novo Plan de Residuos Industriais de Galicia (PRIGA), a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, subliñou o grande esforzo para potenciar o uso de medios electrónicos automáticos das entidades produtoras e das empresas xestoras destes residuos.
Dende a Xunta insisten en que queren aproveitar as vantaxes e posibilidades que achegan as novas tecnoloxías para optimizar e seguir avanzando no tratamento automatizado dos datos relacionados coa produción, traslado e xestión dos residuos de orixe industrial.
Ángeles Vázquez afirmou que co fin de facilitarlles o cumprimento das súas obrigas legais neste eido (xa que lembrou que unha das particularidades dos refugallos industriais é que o propio produtor se responsabilice de que o residuo reciba o tratamento correcto) a Xunta foi unha das primeiras administracións autonómicas en poñer á disposición do sector programas e sistemas informáticos, como o SIRGA e a plataforma de información ambiental Gaia, para facilitarlles este labor. Asemade, anunciou que se prevé asinar un acordo de cooperación coa Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) para optimizar a comunicación de datos de produción e xestión por parte dos axentes que operan na cadea de valor dos refugallos industriais.
As accións de mellora centraranse na plataforma Gaia, punto de acceso único no que se agrupan os diferentes datos e aplicacións sectoriais existentes en materia ambiental.
A conselleira lembrou que o sector dos residuos dá traballo directo en Galicia a máis de 7.000 persoas, animou aos representantes do tecido produtivo asistentes (máis dun medio cento de persoas) a aproveitar as “grandes oportunidades de negocio” que achega e o seu alto potencial de crecemento. Referiuse á necesidade de construír instalacións para xestionar residuos emerxentes como, por exemplo, pas de aeroxeneradores eólicos, paneis fotovoltaicos ou baterías de vehículos eléctricos. Neste senso, Vázquez Mejuto avanzou que entre as liñas de axudas que sacará en 2025 o seu departamento para empresas, haberá subvencións para apoiar proxectos de I+D encamiñados ao tratamento deste tipo de refugallos industriais.
Cómpre lembrar que a Xunta aprobou o pasado mes de maio o novo Plan sectorial de xestión de residuos industriais de Galicia como a folla de ruta a seguir no período 2024-2030 co obxectivo de facilitar ao tecido empresarial a implantación dun modelo de economía circular que lle axude a cumprir coas esixencias das normativas comunitarias, estatais e autonómicas en materia de residuos. O obxectivo xeral é reducir nun 20% a xeración dos refugallos industriais na Comunidade de aquí ao final da presente década. Para avanzar nesta transición, o PRIGA prevé mobilizar un investimento duns 75 millóns de euros até 2030 para cumprir cos obxectivos establecidos.
Para concluír a conselleira informou que “non se parte de cero” xa que no marco do anterior PRIGA acadáronse avances como a redución do vertido en liñas xerais (84% dos residuos industriais xestionados en Galicia xa se valorizan para obter outros produtos) ou a consecución de todos os obxectivos en materia de residuos agrarios.