A Xunta traballará co ITG na creación dun espazo para a investigación en drons na Cidade das TIC

xoves, 25 de novembro do 2021 S. P.

O Goberno galego comunicou, a través do presidente Alberto Núñez Feijóo, a aprobación dun convenio de colaboración co Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) para desenvolver un espazo de investigación na Cidade das TIC da Coruña (a antiga Fábrica de Armas agora convertida, de xeito progresivo, nun gran foco de coñecemento e emprendemento tecnolóxico
- dixital) que estará destinado á experimentación con drons no ámbito do transporte de pasaxeiros e mercadorías en zonas urbanas.
Feijóo informou de que a Xunta achegará algo máis da metade do investimento previsto, preto de 580.000 euros dos 1,16 M€, para executar actuacións como: o acondicionamento e reforma dun edificio da Cidade das TIC, o desenvolvemento dunha rede de seguridade, adquisición de equipamento específico e licenzas necesarias para realizar as probas de experimentación. O presidente tamén fixo saber que este proxecto Galaxy-lab “permitirá reforzar a fortaleza competitiva do Polo Aeroespacial de Galicia, avanzar no despregamento do sistema de xestión do tráfico aéreo non tripulado deseñado pola UE (U-Space), axustar os sistemas de xeoposicionamento e coordinar un espazo aéreo controlado real”.
Feijóo salientou a importancia deste sector e do papel de Galicia nel, “toda vez que o Polo Aeroespacial leva mobilizados 164 M€ de investimento público-privado, desenvolvéronse 59 proxectos de I+D+i coa participación de máis de 930 profesionais e coa aceleración de 24 empresas”.

PUBLICIDADE