A Xunta traballará para captar investimentos europeos que garantan o liderado cuántico do CESGA

xoves, 18 de xullo do 2024 S. P.

Román Rodríguez, conselleiro de Educación e Ciencia, puxo o foco este xoves 18 de xullo na necesidade de pechar fileiras arredor do Centro de Supercomputación de Galicia e garantir o seu liderado na investigación cuántica. Así o expuxo no pleno da Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas, no que mostrou o interese da Xunta en captar novos investimentos europeos para o CESGA.
Román Rodríguez, acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, sinalou que estas tecnoloxías son “unha prioridade para Galicia, dado que a súa aplicación permitirá descubrir novos medicamentos, deseñar novos materiais, optimizar os procesos de produción ou mellorar a eficiencia enerxética, entre outros usos”. Rodríguez convidou a todos os membros da rede a seguir colaborando para aproveitar “as grandes capacidades de Galicia neste ámbito e xerar sinerxías”.
Segundo dixo, Galicia é “un territorio pioneiro en materia cuántica” que conta con infraestruturas de gran relevancia como o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) ou o Vigo Quantum Communication Center, dependente da Universidade de Vigo, e un tecido empresarial “que entendeu o potencial innovador e transversal desta tecnoloxía para o seu crecemento”.
O conselleiro agradeceu o compromiso de todos os membros da rede -universidades, centros tecnolóxicos e de investigación, sector empresarial e Administración- “para avanzar na xeración de oportunidades para a investigación e o traballo en tecnoloxías cuánticas”, que sitúe a Galicia como referente nestas tecnoloxías para atraer talento, investimento e oportunidades para a nosa industria.
Na xuntanza deste xoves 18 deuse a benvida a dous novos membros da rede, os centros tecnolóxicos Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), sumando actualmente 15 membros. Asemade, constituíronse dous comités executivos coa misión de acadar obxectivos concretos e desenvolver accións estratéxicas a medio e longo prazo, centrados en hardware e software cuántico (liderado polo Centro Tecnolóxico Gradiant) e nas aplicacións das tecnoloxías cuánticas (liderado polo hub de innovación dixital DIHGIGAL) e informouse das vindeiras actuacións. Entre elas, destaca a elaboración dun mapa de capacidades e da cadea de valor das tecnoloxías cuánticas en Galicia.