A Xunta ultima co proxecto EdugalIA a despregadura da Intelixencia Artificial no ensino

venres, 21 de febreiro do 2025 S. P.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, achegou este venres 21 de febreiro un pequeno balance do estado de cousas do proxecto EdugalIA e do seu obxectivo para despregar a Intelixencia Artificial no ensino. Fíxoo no transcurso dunha reunión co equipo de asesores do proxecto, destinada a ultimar os traballos para comezar a despregadura desta tecnoloxía disruptiva no sistema educativo galego. Segundo fixo saber, a Xunta logrou captar con este proxecto case 10 millóns de euros de fondos europeos no proceso de Compra Pública Innovadora, o “que converte a EdugalIA na segunda iniciativa galega con máis financiamento e a sexta de España entre os 20 proxectos que acadaron apoio”.
Acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, o conselleiro puxo en valor o traballo realizado no último ano, que posibilita que EdugalIA “poida ser axiña unha realidade e estea a xerar xa gran interese en todo o Estado como referente na innovación educativa e no uso da IA”. EdugalIA, engadiu, “contará cun orzamento total de 16,5 millóns de euros(6,6 millóns de euros achegados pola Xunta e 9,9 procedentes dos fondos europeos mediante FEDER plurirrexional)”. O seu obxectivo concreto e último, apuntou “é optimizar o deseño e a avaliación de políticas públicas e previr o abandono escolar mediante esta ferramenta”.
A través deste proxecto integraranse todas as fontes de datos para, por unha banda, crear por primeira vez o expediente dixital do alumnado, que o acompañará ao longo de toda a súa traxectoria académica e permitirá identificar posíbeis situacións de abandono temperá e abordalas. Por outra banda, desenvolverase un espazo entre familias, centros e Xunta para asistencia e información áxil e personalizada a alumnos e familias.
O equipo asesor de EdugalIA, composto por investigadores das universidades galegas e do CSIC e persoal técnico da Consellería, leva meses traballando para definir este proxecto de intelixencia artificial no ensino, o que garantiu o seu éxito na convocatoria de Compra Pública Innovadora do Ministerio de Ciencia, Universidades e Innovación. A reunión deste 21 de febreiro pretende avaliar os últimos detalles co obxectivo de licitar a iniciativa en breve.