A Xunta visita a rodaxe da serie Pensión incompleta, rodada nas catro linguas oficiais do Estado
martes, 18 de novembro do 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou este 18 de novembro o set de rodaxe da serie televisiva Pensión incompleta, instalado na compostelá praza da Quintana de Santiago (un dos escenarios galegos desta coprodución entre Galicia, Cataluña e País Vasco). O titular de Cultura do Goberno galego felicitou persoalmente o equipo polo avance do proxecto, subvencionado pola Xunta, do que destacou o seu carácter pioneiro como “primeira serie rodada simultaneamente nas catro linguas oficiais do Estado”.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañaron o conselleiro nesta visita, durante a que incidiu tamén “na innovadora fórmula de colaboración entre televisións autonómicas para levar a cabo unha produción audiovisual que, a través dunha estrutura narrativa compartida, retratara a riqueza cultural, lingüística e natural dos diferentes territorios”.
Lembraron que desta volta a Televisión de Galicia uniuse a EITB e 3Cat para levar a cabo esta proposta xunto a Voz Audiovisual.
A Xunta co-financia a súa produción cunha axuda de 240.000 euros, ademais de ter contribuído tamén á súa preparación previa a través da convocatoria destinada a proxectos en fase de desenvolvemento.
Con localizacións en Santiago de Compostela, a Costa da Morte ou a Ribeira Sacra, Galicia acolle gran parte da rodaxe, que arrancou en Barcelona o pasado mes de setembro. Giselle Llanio e Jesús Font dirixen un elenco coral, no que teñen papeis destacados intérpretes galegos como Luis Iglesia, María Costas, Manuel San Martín ou Cristina Andrade. Os dous primeiros interviñeron nas escenas rodadas esta mañá no Obradoiro xunto a Ane Gabarain e Anna Azcona.
Trátase dunha comedia para todos os públicos que segue “a modo de road movie” a viaxe dun grupo do IMSERSO que se ve implicado nunha serie de roubos de obras de arte. A serie estrearase o ano que vén en versión orixinal nas tres televisións autonómicas e en cadansúa plataforma.
