A Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) presenta nova web e entrega a 2ª edición dos seus premios

martes, 6 de maio do 2025 S. P.

A Xunta de Empresarios de Ames (XEA) celebrou onte no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, a segunda edición dos Premios XEA, coincidindo coa presentación da nova páxina web da patronal e do slogan Eu son XEA. O evento congregou a preto de cen persoas, a maioría deles socios e socias da asociación aos que tamén se uniron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e outros membros do Goberno local, así como representantes dos grupos políticos da Corporación municipal, nun acto que puxo en valor o tecido empresarial do municipio.
O acto arrancou coa presentación da nova imaxe corporativa de XEA, un corazón azul que recolle a idea do noso, do galego e do corazón que cada comerciante pon no seu negocio para sacalo adiante, mais tamén o corazón co que o cliente se achega ao seu veciños e veciña para comprar con confianza. Co lema Eu son XEA poténciase a individualidade do “Eu” máis a pertenza a unha asociación que ano tras ano vai sumando socios e campañas apostando polo comercio de proximidade e servindo de axuda no seu día a día aos locais e establecementos adheridos, que hoxe xa supera os 100 socios.
Ademais, tamén se presentou a nova web da asociación que busca ser escaparate e dar visibilidade aos socios e socias: www.xuntanzadeempresariosdeames.gal.
Durante a gala, entregáronse os Premios XEA, un recoñecemento que suma así a segunda edición e que é froito da votación entre socios e socias. Unha votación na que se valora a innovación, a traxectoria, a súa dedicación na localidade (facer cidade), a creatividade e a implicación cos veciños, veciñas e demais socios.
Premio Comercio: Librería Bandini (Bertamiráns).
Premio Servizos: Bj Trainers (Bertamiráns).
Premio Hostalería: O Transistor (Bertamiráns).
Premio Beleza e Benestar: Fátima Prego Estilistas (Milladoiro).
Premio Especial (Outorgado por XEA, non é resultado de votación): Don Budi Bar, que celebra o seu 25 aniversario neste 2025.
Ademais dos premios, creados por Pousada Láser, o acto estivo marcado pola convivencia, a música en directo do grupo Minguante, e a degustación de petiscos, a cargo da cafetería da Casa da Cultura do Milladoiro, que acompañaron unha noite de orgullo empresarial e compromiso comunitario.
A II edición dos Premios XEA reúne preto de 100 persoas nun acto de celebración empresarial en Ames.