A Xunta presenta en Granada as súas iniciativas para avanzar na Administración electrónica

martes, 11 de maio do 2010 Redacción

A subdirectora xeral de Sistemas de Información e Modernización da Administración Pública, María José García Sexto, expuxo esta mañá en Granada, na segunda edición do Congreso de Modernización dos Servizos Públicos, o plan de Modernización 2010-2013 da Xunta de Galicia, que describiu como unha aposta decidida pola extensión do uso das TIC no ámbito administrativo para facilitar a tramitación dos procedementos e procurar a información en tempo real e personalizada á cidadanía.
A responsable de Sistemas da Secretaría Xeral de Modernización sinalou que o desenvolvemento da Administración electrónica é unha actuación transversal que afecta a todos os departamentos e niveis da Xunta de Galicia. O plan para acadar o despregamento da Administración electrónica estrutúrase en catro eixos de actuación, 12 áreas de traballo e 33 programas e conta cun investimento de 26 millóns de euros ata o ano 2013.
Os ámbitos de acción do Plan de Modernización, segundo explicou María José García Sexto, implican a simplificación dos procedementos e a interoperabilidade inter e intra administrativa, a dixitalización dos servizos e sistemas e a adopción de medidas transversais que redunden en beneficio dos cidadáns, as empresas e a propia administración, incluíndo aos propios empregados públicos e as entidades locais.