A Xustiza da UE rexeita o recurso de Apple contra a súa designación como gatekeeper baixo a DMA
mércores, 8 de xullo do 2026
O Tribunal Xeral da Unión Europea desestimou este mércores os recursos presentados por Apple contra a súa designación como gardián de acceso (gatekeeper) ao abeiro da Lei de Mercados Dixitais (DMA), unha decisión que reforza a posición da Comisión Europea na aplicación da normativa destinada a limitar o poder das grandes plataformas tecnolóxicas e favorecer unha maior competencia no mercado dixital. A sentenza tamén declara inadmisible o recurso da compañía relacionado co servizo de mensaxería iMessage.
A DMA, en vigor desde maio de 2023, establece unha serie de obrigas e prohibicións para as grandes plataformas dixitais consideradas esenciais para o acceso aos mercados. O seu incumprimento pode derivar en multas de ata o 10 % da facturación anual mundial da empresa. Apple, Meta e ByteDance recorreran distintos aspectos desta lexislación ante os tribunais europeos.
Apple levou o caso aos tribunais en 2024 despois de que a Comisión Europea cualificase como un único servizo básico de plataforma as cinco tendas de aplicacións presentes nos seus dispositivos (iPhone, iPad, Mac, Apple TV e Apple Watch). O Tribunal avalou este criterio ao considerar que todas elas cumpren a mesma función: conectar os desenvolvedores cos usuarios finais para facilitar a distribución de aplicacións.
A empresa tamén cuestionara que o sistema operativo iOS fose considerado unha vía esencial para que outras empresas accedan aos usuarios, unha clasificación que obriga a facilitar unha maior interoperabilidade con servizos de terceiros. Os xuíces confirmaron igualmente a decisión da Comisión Europea.
Respecto de iMessage, o Tribunal non entrou no fondo da cuestión ao declarar inadmisible o recurso. A resolución sinala que a clasificación do servizo como sistema de comunicación interpersoal independente da numeración non produce efectos xurídicos vinculantes por si mesma e lembra que actualmente iMessage non figura entre os servizos designados como gardiáns de acceso aos que se aplican as obrigas da DMA.
Tras coñecerse a sentenza, Apple reiterou as súas críticas á normativa europea. A empresa sostén que as obrigas impostas pola DMA exceden o que considera proporcionado e legal e advirte de que poden debilitar as garantías de privacidade e seguridade desenvolvidas ao longo das últimas décadas, ademais de expoñer os usuarios a novos riscos. A tecnolóxica asegurou que seguirá defendendo a innovación e a protección da privacidade dos seus clientes europeos.
A compañía aínda pode recorrer a decisión ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, limitado ás cuestións de dereito.
