A Zona Franca Vigo acolleu a convención da plataforma agroalimentaria de xemelgo dixital BBTwins

xoves, 14 de setembro do 2023 S. P.

O Consorcio da Zona Franca de Vigo acolleu durante os días 12 e 13 de setembro a convención dun proxecto europeo pioneiro na dixitalización da cadea de valor agroalimentaria e a eficiencia dos recursos naturais e produtivos. Baixo o nome BBTwins, o conglomerado internacional con representantes de 7 países europeos desenvolveu unha innovadora plataforma de xemelgo dixital que aplica tecnoloxía de vangarda ao proceso completo do sector, desde a orixe ata o consumidor final.
Segundo explican dende a Zona Franca, “trátase dunha solución pioneira, con protagonismo empresarial e talento vigués, que marca un antes e un despois nun sector económico estratéxico”. O proxecto, engade o Consorcio, aplica tecnoloxía innovadora para crear unha réplica dixital en tempo real dos procesos físicos da industria agroalimentaria optimizando recursos e posibilitando mellores resultados. “Pode ser un modelo replicábel noutros sectores e cadeas de produción, de aí a súa importancia a futuro”, apuntan a entidade viguesa logo da que sería a cuarta convención semestral de avaliación de seguimento do proxecto, tras visitar inicialmente Finlandia, España (Logroño) e Grecia.
A vocal substituta do delegado especial do Estado no Consorcio, Ana Mª Mejías Sacaluga, coñeceu de primeira man a avaliación e detalles do proxecto agora que se atopa no seu ecuador de 2 anos e trasladar aos responsables do proxecto as potencialidades e oportunidades de negocio que brinda Vigo, o Consorcio e a súa área de influencia.
Á xuntanza acudiron 35 investigadores e científicos, dos 7 países europeos inmersos no proxecto.
O proxecto BBTwins é un abeirado á convocatoria europea BBI H2020 2020, liderado polo centro tecnolóxico CTIC-CITA da Rioxa. A compañía viguesa Soltec Enxeñeiros xunto a súa spin-out Norlean son as coordinadoras tecnolóxicas da iniciativa, dentro dun conglomerado de organizacións internacional formado por un total de 13 socios europeos. Actualmente estanse desenvolvendo en paralelo 2 xemelgos dixitais, un para o sector porcino en España e outro para o sector da froita (pexego e nectarinas) en Kozani, Grecia, integrando unha gran variedade de tecnoloxías disruptivas no xemelgo dixital como IoT (Internet das Cousas), Intelixencia Artificial, Visión Artificial (en rango visíbel e hiperespectral), computación na nube (Cloud Computing), cadea de bloques (Blockchain) ou Realidade Virtual.
Este proxecto, cun horizonte de execución de 4 anualidades (2021-2025), dá resposta a unha necesidade de dixitalización de sectores tradicionais e está profundamente aliñado cos obxectivos de desenvolvemento que promove a Unión Europea para os estados membro.