A Zona Franca acolle unha proba pioneira dun helicóptero e un dron traballando de xeito simultáneo e seguro

mércores, 19 de xuño do 2024 S. P.

O Consorcio da Zona Franca de Vigo acolleu este 19 de xuño (na súa sede en Porto do Molle, Nigrán) unha demostración da empresa Vig-Sec Drone, que naceu na 7.ª edición de ViaGalicia, na que exhibiu a súa pioneira tecnoloxía Suite ACRE, que permite o voo simultáneo de drons e aeronaves tripuladas de forma segura. Na experiencia participou o delegado da Zona Franca, David Regades.
Segundo fixeron saber dende a empresa, a día de hoxe “as operacións de emerxencia vense limitadas polo risco de colisións e este software proporciona unha solución a esta problemática, ofrecendo alertas, medidas de continxencia e accións de emerxencia en tempo real, adaptándose ás características específicas de cada aeronave”.
Esta exhibición experimental, que contou coa colaboración dun helicóptero EC-135 do Exército de Terra, constou de dúas partes. En primeiro lugar, efectuáronse dúas pasadas a diferentes alturas e distancias co uso de ACRE, avaliando a información recibida e a eficacia dos procedementos automáticos do software. A continuación, o helicóptero sobrevoou a zona sen a asistencia da tecnoloxía ACRE, permitindo observar a capacidade da tripulación para detectar o dron sen axudas electrónicas.
A validación deste exercicio achega a resolver un problema crítico na xestión do espazo aéreo en operacións de seguridade e emerxencia e abrirá novas posibilidades operativas, mellorando a eficacia das unidades de emerxencia en España.
A xornada comezou coa benvida e explicación da tecnoloxía Suite ACRE por parte do director executivo (CEO) de Vig-Sec Drone, Rubén Gil. A continuación, trasladouse ao viario sur do edificio e comezaron as demostracións de voo, nas que se simulou un espazo propio dunha emerxencia no que o helicóptero do Exército de Terra e un dos drons de Vig-Sec Drone conviviron no mesmo espazo aéreo. A proba rematou cunha análise do exercicio por parte da tripulación do helicóptero.
Segundo explicaron dende a Zona Franca, “a cooperación dos diferentes participantes neste plan de experimentación foi fundamental para permitir a validación da tecnoloxía de Suite ACRE, un proxecto que proporciona unha coordinación máis segura e eficiente entre drons e aeronaves tripuladas, beneficiando a todos os involucrados en operacións de emerxencias”.
A nova firma innovadora Vig-Sec Drone, nacida na 7.ª edición do programa de aceleración de empresas ViaGalicia do Consorcio da Zona Franca de Vigo, desenvolve a súa actividade no Edificio Tecnolóxico Aeroespacial da Zona Franca no Parque Empresarial de Porto do Molle (Nigrán).
Na cita tamén participou a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, quen sinalou que “é fundamental o valor innovador de startups como Vig-Sec Drone, que desenvolven tecnoloxías de alto interese para o avance do sector aeroespacial e, de forma específica, do segmento dos vehículos non tripulados”. Salientou tamén que o proxecto Suite ACRE (Área de Control Restrinxida de Emerxencias) é un software de xestión do espazo aéreo de emerxencias que permite o uso simultáneo de aeronaves tripuladas e non tripuladas, reducindo o impacto e o tempo de intervención nestas situacións. Amais, destacou que “valorado pola súa singularidade para o sector aeronáutico e aeroespacial galego, este proxecto, que participou tamén na 7ª edición de ViaGalicia, recibe asesoramento integral na Business Factory Aero (BFAero) logo de que a startup fose seleccionada no itinerario de aceleración da 5ª edición. Vig-Sec Drone tamén forma parte do programa Civil UAVs Initiative da Xunta de Galicia”.

PUBLICIDADE