A Zona Franca de Vigo, Premio á Innovación na Xestión Pública polos seus Indicadores Ardán

xoves, 14 de outubro do 2021 S. P.

O Consorcio da Zona Franca de Vigo vén de obter un importante recoñecemento ao seu compromiso coa tecnoloxía e o coñecemento avanzado. En concreto, recibiu o accésit do Premio á Innovación na Xestión Pública na súa 14 edición, que outorga o Ministerio de Facenda e Fundación Pública, pola “súa identificación e divulgación das boas prácticas empresariais en Galicia a través dos Indicadores Ardán”.
O director xeral de Gobernanza Pública, Olivié Bayón Céspedes, comunicoullo ao delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, explicando que nos próximos días publicarase a Orde na que a ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero, a proposta do xurado, decidiu conceder o premio á candidatura viguesa.
David Regades trasladou a súa felicitación ao equipo de Ardán e a todo o persoal do Consorcio, “porque é un mérito de todo o equipo". Subliñou ademais que “este premio vén ratificar algo que puidemos comprobar en persoa nos últimos meses, coas visitas ás empresas: os indicadores son un valor para as compañías e reforzan a alta consideración que a sociedade ten de Ardán e os seus informes e estudos”.
O Premio á Innovación na Xestión Pública está destinado a recoñecer as prácticas innovadoras en produtos ou servizos e tamén con iniciativas que xeren unha mellora organizativa ou dos procesos de xestión. A candidatura presentada pola Zona Franca de Vigo, que obtivo o galardón, xira ao redor do novo modelo, posto en funcionamento a partir do ano 2015, para identificar e difundir a excelencia empresarial nos seguintes bloques temáticos: Galicia en Innovación, Economía Circular, Igualdade de Xénero e Xestión do Talento.

PUBLICIDADE