A Zona Franca de Vigo acollerá un campamento tecnolóxico inclusivo para persoas con discapacidade

mércores, 9 de abril do 2025 S. P.

Será este venres, 11 de abril, cando a High Tech Auto da Zona Franca de Vigo acolla unha iniciativa pioneira para achegar a innovación e a tecnoloxía ás persoas con discapacidade intelectual.
Trátase do chamado bootcamp inclusivo de tecnoloxía Conecta STEAM, un curso intensivo especializado no sector da automoción impulsado pola Universidade de Vigo en colaboración coa empresa Kidcode, o Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Fundación Adecco.
A finalidade desta proposta formativa pioneira é permitir que mozos e mozas con discapacidade intelectual ou no desenvolvemento coñezan as ferramentas tecnolóxicas de última xeración, favorecendo así a súa autonomía persoal, a súa empregabilidade e a súa participación plena nunha sociedade dixital. Cómpre dicir que xa están todas as prazas cubertas e mesmo con lista de agarda para futuras edicións.
O dito campamento tecnolóxico xurde do compromiso compartido polas catro entidades impulsoras coa innovación social e a inclusión e tivo como punto de partida unha necesidade detectada por Maruxa Álvarez, directora da Área de Emprego e Emprendemento da UVigo, a raíz da súa experiencia como coordinadora académica do título propio Emprego e Vida Autónoma que imparte a UVigo. A docente identificou unha importante fenda no acceso á formación tecnolóxica por parte do alumnado con discapacidade intelectual deste curso que “seguro que é extensíbel a outras persoas novas con discapacidade intelectual”.
Este bootcamp será unha experiencia piloto con vocación de continuidade que aspira a converterse nunha microcredencial no futuro, adaptada ás necesidades do mercado laboral e en liña coa crecente demanda de competencias dixitais en todos os sectores profesionais.
Indo á formación, dicir que terá un enfoque práctico, accesíbel e inclusivo, e combinará contidos como: programación, robótica, impresión 3D e Intelixencia Artificial, con metodoloxías activas e acompañamento personalizado.
Esta actividade, que é de balde e está aberta a persoas entre os 18 e os 30 anos, conta coa participación de Kidcode, unha empresa galega especializada no ensino tecnolóxico responsábel para públicos diversos. A súa fundadora, Leticia Costas, subliña que: “a tecnoloxía non só pode ser unha ferramenta de inclusión, senón tamén de empoderamento persoal se se ensina de maneira adaptada e consciente”.
A formación levarase a cabo nas instalacións da Zona Franca de Vigo, que cede as instalación do Autolab da High Tech Auto, achegando unha contorna de innovación e un laboratorio de fabricación equipado con tecnoloxía punteira, ideal para a realización deste tipo de formación. Pola súa banda, a Fundación Adecco colabora economicamente na posta en marcha do proxecto, no marco da súa alianza coa UVigo para o desenvolvemento do título propio e noutras iniciativas dirixidas a mellorar a empregabilidade de persoas con discapacidade.
Para rematar, sinalar que con este bootcamp búscase non só ofrecer unha formación transformadora aos seus participantes, senón tamén demostrar que o acceso á tecnoloxía pode e debe ser universal, eliminando barreiras e xerando oportunidades reais.