A Zona Franca distingue a excelencia das empresas galegas na gala dos 6º Premios Ardán
venres, 23 de maio do 2025
O Auditorio do Pazo de Congresos Mar de Vigo acolleu este 22 de maio a gala dos sextos Premios Ardán que, un ano máis, organizou a Zona Franca de Vigo e á que se sumaron máis de 450 persoas en representación da vida empresarial, económica, política e social de Galicia.
Nun evento conducido pola actriz e creadora Alejandra Martínez de Miguel, a viguesa Roeirasa, con 6 indicadores Ardán, liderou a clasificación das empresas galardoadas xunto á Compañía Española de Algas Mariñas e Hermasa, tamén da área de Vigo; Aluman Sistemas, Igalia e Torus Software Solutions, da provincia da Coruña; e Cuvida, de San Cibrao das Viñas.
Ademais, a velada aplaudiu o Premio Especial á Traxectoria Empresarial a Stellantis como referente na economía e motor industrial do sur de Galicia, ademais de contribuír á fixación de poboación, o desenvolvemento e o benestar social na área de Vigo.
O delegado Especial do Estado na Zona Franca, David Regades, felicitou ás empresas galardoadas e sinalou que “o que estas compañías lograron non é nada fácil con criterios tan rigorosos como os que teñen estes premios. Analizáronse 45.000 empresas galegas e só o 3% conseguiron indicadores”. O delegado do Estado, que defendeu “esta Galicia real, a que fabrica coches eléctricos e conectados, a que fai satélites, a Galicia tecnolóxica, a dos semiconductores fotónicos ou os novos sectores industriais e que está á vangarda do mundo. En definitiva, a Galicia da economía”. Regades aplaudiu o traballo e o talento do tecido empresarial, as institucións e a cidadanía, “porque estamos no camiño correcto, xerando valor engadido e apostando pola calidade do emprego. Seguimos avanzando, dixo, e os proxectos que veñen son moi ilusionantes”. Neste sentido, lembrou que a Zona Franca poderá poñer xa este ano a primeira pedra da factoría de semiconductores fotónicos e poderá sacar xa a licitación o HUB TIC de López Mora.
O delegado tamén se detivo “nunha especial felicitación para un xigante como é Stellantis, que ao longo dos anos supuxo unha motor clave para o crecemento de Vigo e que é quen xera o 21% da economía da cidade e o 12% do emprego en toda a súa comarca. Este Premio Especial tamén é un recoñecemento a todos os seus traballadores e traballadoras da planta máis produtiva de Europa”.
Precisamente, o director xeneral de Stellantis Vigo, foi quen recolleu a distinción de mans de David Regades e do alcalde Abel Caballero. José Luis Alonso Mosquera puxo en valor que “Stellantis e o sector de automoción en Galicia funcionamos cun modelo cooperativo moi eficaz, ao que contribúen as administracións públicas nun exitoso marco de colaboración público-privada”.
Na súa intervención, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, felicitou a Stellantis polo seu recoñecemento, así como ás empresas premiadas este ano. O alcalde tamén se referiu á importancia do traballo que fai Ardán: "É unha guía insubstituible para o coñecemento e utilización de todas as empresas de Galicia".
O evento contou, ademais, co coloquio conducido por Ana Fuentes que, coa presenza de expertas como Silvia Leal e Tati Ballesteros, e o director executivo (CEO) de Alén Space, Guillermo Lamelas, centrouse na era dixital, os novos sectores tecnolóxicos, a xestión do talento e o liderado empresarial.
A gala puxo o punto final cun concerto íntimo da cantautora Paula Mattheus.
