A Zona Franca doa computadores á organización de enxeñeiros IEEE Uvigo para loitar contra a fenda dixital

venres, 16 de abril do 2021 S. P.

O Consorcio da Zona Franca de Vigo, co obxectivo de combater a fenda socio-dixital en tempos de pandemia (un período de tempo no que se fixeron máis importantes ca nunca as novas ferramentas), vén de doar catro ordenadores plenamente operativos á organización de enxeñeiros IEEE UVigo, quen os fará chegar ás familias que os necesiten co fin de que facer posíbel, entre outras funcións, que os seus fillos poidan seguir as clases a distancia e teleformación.
Os equipos informáticos, que foran desbotados para o traballo diario do persoal do Consorcio (aínda que se atopan en perfectas condicións de uso, segundo fixo saber a Zona Franca), foron entregados polo delegado do Estado, David Regades, e recolleitos por José Antonio González Nóvoa, Mateo González Cid e Andrés López-Guerra González.
David Regades que agradeceu o traballo desta organización, asegurou que “a loita contra a fenda dixital debe ser un obxectivo de todos e en especial das administracións públicas. Hoxe doamos este catro equipos pero en canto teñamos máis dispoñíbeis tamén serán entregados”.
IEEE UVigo Student Branch é unha asociación de estudantes de todas as enxeñarías da Universidade de Vigo que busca implementar a súa aprendizaxe en todo tipo de proxectos. O grupo iniciou a súa actividade hai catro anos e nos últimos meses puxeron en marcha unha iniciativa para recoller computadores da man da ONG Accem. En apenas un par de semanas xa conseguiron sete equipos completos, así como unha gran variedade de periféricos como ratos ou teclados, aos cales se lles dará unha segunda vida mediante o emprego de software libre. Na súa páxina web teñen un espazo para todas as empresas ou institucións que queiran achegar solidariamente este tipo de material e que Accem entregará a familias que os necesitan.
O Instituto de Enxeñeiros Eléctricos e Electrónicos é unha asociación mundial de enxeñeiros dedicada ao desenvolvemento en áreas técnicas. Presente en 160 países, é a maior asociación internacional sen ánimo de lucro formada por profesionais das novas tecnoloxías. O propósito principal de IEEE é fomentar a innovación tecnolóxica e a excelencia en beneficio da humanidade.

PUBLICIDADE